Denuncia o veto da proposta nacionalista de recoñecer o Sárdoma CF como entidade Viguesa Distinguida ou de conceder a Medalla da Cidade, a máxima distinción do Concello, ao bombeiro Sergio Sanlés falecido en acto de servizo
Xabier P. Igrexas: “Levamos demasiado tempo advertindo de que os recoñecementos e galardóns da cidade fican secuestrados polo absolutismo antidemocrático do alcalde”
O Bloque Nacionalista Galego vén de abandonar o Pleno municipal de Vigo en protesta polo “sectarismo” de Abel Caballero. O grupo municipal do BNG decidiu así non participar da votación plenaria, convocada este xoves para a concesión da Medalla da Cidade e o recoñecemento de Vigueses/as Distinguidos/as, ao considerar que se trata dunha “nova farsa absolutista” como nos últimos anos.
“Se o que queren é insistir en reducir os recoñecementos da cidade a unha especie de medallas da orden imperial do Caballerismo, fáganos vostedes sós”, defendeu na súa intervención o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, afeando que o alcalde “fixera saltar polos aires”, dende a súa primeira maioría absoluta en 2015, o consenso que historicamente definiu o outorgamento dos galardóns.
Igrexas censurou que un ano máis case o 90% das propostas para os galardóns (15 de 17) foran impostas polo Goberno local. “O BNG levamos demasiado tempo advertindo que os recoñecementos do Concello de Vigo fican secuestrados polo absolutismo antidemocrático e sectario de Caballero”, censurou o portavoz nacionalista, afeando os vetos ás propostas do Bloque.
Entre eles, criticou Igrexas, o rexeitamento da proposta nacionalista para recoñecer o Sárdoma CF como entidade Viguesa Distinguida a pesar da traxectoria deportiva do club como emblema do deporte feminino en Vigo e Galiza. “Este veto é un castigo por teren a ousadía de esixirlle ao seu Goberno igualdade de trato nas axudas públicas aos clubs deportivos, deixando de tratar o deporte feminino como se fose de segunda”, reprochou o portavoz do BNG.
De igual xeito, lamentou que o Goberno de Caballero negase a Medalla da Cidade (concedendo no seu lugar o recoñecemento de Vigués Distinguido) para o bombeiro Sergio Sanlés falecido o pasado maio. “Se o feito dun traballador falecer en acto de servizo, portando no seu uniforme o escudo da cidade, non é motivo suficiente para a máxima distinción do Concello, cal é a razón de concederlla a unha empresa privada de seguros?”, cuestionou Igrexas.
Dende o Bloque trasladaron o respecto e consideración pola práctica totalidade das persoas e entidades que van ser recoñecidas, entre elas Marta Souto pola súa traxectoria en prol da lingua galega e do deporte. Porén, o voceiro nacionalista insistiu na necesidade de recuperar o consenso e a pluralidade na concesión das distincións da cidade.
Reforma do Regulamento de Honras e Distincións
Lembrou nese sentido que o pasado 27 de febreiro, dende o BNG, se remitiu un escrito ao alcalde para demandar unha reforma do Regulamento de Honras e Distincións, do ano 1981, para garantir que os recoñecementos do Concello “non sexan o capricho dun único grupo”, así como para habilitar mecanismos que permitan a participación da cidadanía e do tecido asociativo nestas decisións, como ocorre xa noutras cidades.