HomePontevedraPoioO BNG alerta de que Moldes vai impoñer á veciñanza de Poio...

O BNG alerta de que Moldes vai impoñer á veciñanza de Poio o maior “sablazo” de subida de taxas da historia polo novo contrato da auga

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas sinala que o PP está a cometer “un engano sen precedentes” ao presumir de baixar impostos mentres agocha que vai duplicar o custe do servizo

O BNG de Poio vén de alertar de que Ángel Moldes vai impoñer á veciñanza de Poio o maior “sablazo” por subida de taxas da historia do Concello a causa do novo contrato da auga, que suporá incrementos de máis do 100% sobre o recibo que se paga na actualidade. A voceira Marga Caldas sinala que con este movemento, o PP está a cometer un “engano sen precedentes” á cidadanía, xa que presume de baixar impostos mentres agocha que vai incrementar de maneira exponencial o custe dun servizo básico. “Estamos diante do ‘sablazo’ da auga”, alarma a nacionalista.

Caldas explica que no Pleno da Corporación de onte aprobouse o estudo económico para a licitación do novo contrato da auga. Lembra que se trata dun contrato para o que o goberno do Bloque xa iniciara o expediente no anterior mandato, cun investimento de 15 millóns en proxectos moi importantes para Poio que pretendían resolver problemas de saneamento e abastecer de auga zonas que carecen do servizo. Apunta a nacionalista que o grupo do Bloque é o responsable das memorias de todos os proxectos que se van realizar de abastecemento, saneamento e pluviais. “Por dicilo claramente, deixamos todo listo para licitar”, explica.

Marga Caldas subliña sen embargo que o Bloque deixou sen pechar a valoración de impacto económico porque -baixo o aval de informes técnicos externos- buscou a fórmula para que o novo contrato non supuxera unha subida brutal a veciñas e veciños. Insiste a nacionalista que o proceso de licitación do contrato quedou preparado perfectamente para sacalo adiante de maneira “legal e regulada”.

Fronte a isto, coa chegada do PP ao goberno, a situación mudou totalmente. Moldes e o seu equipo decidiron que non ían levar a cabo o trámite establecido polo BNG argumentando informes municipais en contra. Nese punto, o Partido Popular iniciou un novo estudo económico de viabilidade, no que incluíu proxectos por valor de 8,1 millóns de euros a executar pola concesionaria en varias anualidades, e engadiu unha valoración económica na que se alega que a empresa da auga terá resultados negativos nos primeiros dous anos (con perdas estimadas de case 700.000 euros), pero beneficios medios do 11,5% nos 23 anos restantes.

Do estudo de viabilidade aprobado por Moldes onte, explica Marga Caldas, dedúcese unha subida “brutal” no recibo da auga, que pasará a ser máis do dobre que o que se paga na actualidade. De feito, recóllese textualmente a necesidade dun incremento das tarifas de servizo de maneira escalonada, cun incremento medio do 30% no primeiro ano e unha suba do 35% no terceiro. Tendo en conta que nos recibos se vai incluír unha cota variable por tramos en función dos metros cadrados consumidos, e que esta se terá que aplicar tanto no apartado do abastecemento como de saneamento, as cifras a pagar dispáranse incluso superando o 100% de incremento: é dicir, duplícanse. 

O BNG de Poio lembra tamén que a esta subida pola auga haberá que engadir a suba no prezo do lixo, xa que son conceptos que van xuntos no mesmo recibo, e tamén os impostos correspondentes como o IVE obrigatorio.  “Con todo, e sen lugar a dúbidas, este é o ‘sablazo’ máis alto da subida de taxas e impostos en Poio”, destaca Caldas, quen lembra que “curiosamente” a aplicación das novas tarifas está prevista para o ano 2028, é dicir, un ano despois das próximas eleccións. “É un engano sen precedentes. Moldes baixou o IBI ao 43% para intentar vender un relato que non é verdade: di que baixa os impostos, pero está a duplicar outros tributos e taxas como a da auga pola vía de atrás, sen transparencia e sen publicidade, para evitar que a veciñanza se lle poña en contra”, finaliza a voceira nacionalista.

Publicacións Relacionadas