A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de “falla de xestión” na reparación de beirarrúas, con ámbitos como a rúa Manuel Olivié que supoñen unha “ameaza”
Reitera a necesidade dun ‘Plan Cidade’ para actuar en todos os barrios e parroquias
Xabier P. Igrexas: “Todo o que non é obxecto de obras novas e inauguracións non recibe a máis mínima atención por parte de Abel Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) alerta do “estado lamentábel e de abandono” que presentan un cada vez maior número de rúas e camiños de Vigo. A fronte nacionalista acusa o Goberno municipal de Abel Caballero de “falla de xestión” na reparación de beirarrúas: o 96% dos recursos previstos para o mantemento están sen gastar, segundo datos oficiais do Concello.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, lamentou que todas aquelas actuacións que non son obxecto de obras novas “non recibe a máis mínima atención” por parte do Goberno local. “A política de inauguracións de Caballero condena ao esquecemento e ao abandono unha parte moi importante da cidade”, subliñou.
Dende o Bloque puxeron como exemplo a rúa Manuel Olivié, na contorna do Castro e a moi poucos metros do propio consistorio, onde as beirarrúas presentan un estado “impracticábel” que supoñen unha “ameaza real” para as persoas, dando lugar a reiterados accidentes e lesións.
Igrexas cuestionou que apenas se vexan brigadas municipais facendo labores de mantemento e reparación das rúas e camiños. Unha situación que, advertiu, non se debe a falla de recursos. O portavoz nacionalista revelou que da partida “ridícula” de 400 mil euros prevista para o chamado ‘Plan beirarrúas en barrios’, só o 4% dos fondos estaban executados a 30 de xuño.
“Hai recursos, hai necesidade de actuacións, pero non hai xestión”, valorou. Lembrou a ese respecto que o Goberno de Caballero conta co maior orzamento na historia da cidade pero “nunca tendo tanto se fixo tan pouco” nesta materia. “Vigo non se reduce aos poucos treitos nos que Abel Caballero pode chantar unha placa de inauguración”, afirmou.
Dende o Bloque anunciaron que van esixir explicacións ao Goberno local na vindeira Comisión Informativa de Fomento e reclamar que se mobilicen todos os recursos necesarios para atender “como o merecen” todas as rúas da cidade, en todos os barrios e parroquias da cidade.
Nesa liña, o portavoz municipal nacionalista volveu reiterar a necesidade de despregar medidas como o ‘Plan Cidade’. Unha proposta do BNG, rexeitada en repetidas ocasións polo Goberno local, destinada a realizar investimentos para poñer fin ao “estado ruinoso e de abandono” que presentan numerosos espazos públicos en Vigo.