A fronte nacionalista reclama compromisos concretos nos Orzamentos do Estado para que ese cambio de posición coa conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto sexa realidade no 2030
Xabier P. Igrexas: “O BNG imos continuar dende unha posición firme de esixencia para que as declaracións do Secretario de Estado de Transportes se tornen en feitos”
O Bloque Nacionalista Galego estará “vixiante” para que a rectificación do Goberno español co prazo da Saída Sur para o ano 2030 non quede só nun anuncio. Así o afirmou este luns o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, despois das declaracións realizadas polo Secretario de Estado de Transportes nas que rectificou a posición expresada polo presidente Pedro Sánchez na recente Cimeira Ibérica, nas que postergaba a conexión de alta velocidade entre Vigo e Porto ao ano 2032.
“É un paso positivo que o Goberno español teña desistido dese afán de priorizar a conexión Lisboa-Madrid, mais o Bloque imos continuar dende unha posición firme, de esixencia e moi vixiante para que estas declaracións se tornen en feitos e non fiquen en apenas palabras”, advertiu Igrexas, lembrando que a Saída Sur para o ano 2030 é un dos compromisos adquiridos polo PSOE no acordo de investidura co BNG.
O portavoz municipal nacionalista reclamou que esta rectificación veña acompañada de partidas concretas nos Orzamentos Xerais do Estado do vindeiro ano e dos seguintes exercicios que garantan que esta conexión ferroviaria “estratéxica e irrenunciábel” para Vigo e Galiza sexa realidade no horizonte do 2030.
“O BNG seguiremos exercendo toda a nosa capacidade de presión institucional, en todos os niveis, tamén en Madrid, para garantir que este cambio de posición sexa real”, remachou Igrexas.