Luís Bará anuncia un impulso ao solo industrial, axilidade administrativa para atraer empresas e desenvolver a nova ponte prevista no Plan Move, promovendo a complementariedade con proxectos de Portugal
Planificar servizos como a EDAR para que atenda núcleos urbanos e rurais e un estudo para incluír a zona no tren de proximidade da área de Vigo, outros dos compromisos
O BNG comprometeuse hoxe a que o goberno do Bloque na Xunta porá o ‘turbo’ na Plisán “despois de 20 anos a paso de tartaruga”. Así o dixo o cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, quen anunciou impulso para o solo industrial, axilidade administrativa para atraer empresas e desenvolver a nova ponte prevista no Plan Move. Tamén anunciou unha mellor planificación de servizos como o da EDAR, para que atenda necesidades dos núcleos urbanos e rurais, e un estudo para incluír a zona no tren de proximidade da área de Vigo, facendo a área complementaria co norte de Portugal.
Bará garantiu todas estas actuacións na Plisán e subliñou que é un exemplo do fracaso da política industrial da Xunta do PP, posto que a día de hoxe só hai unha empresa, Subliñou os reiterados anuncios de proxectos incumpridos e unha grande lentitude no desenvolvemento da plataforma, que debería funcionar como porto seco de Vigo. Fixo tamén lembranza do retraso na comunicación coa autovía e a contorna e a falta de previsión nos servizos, como por exemplo a depuradora, que xera problemas para a veciñanza da contorna, e tamén falta de previsión da conexión ferroviaria, “tarde e só para mercadorías”.
“Aquí o PP vai a paso de tartaruga en comparación co norte de Portugal, que veñen de desenvolver o Minho Park de Monçao con 56 hectáreas de solo industrial e condicións vantaxosas a solo 8 quilómetros da Plisán”, dixo o nacionalista, quen salientou que a actividade industrial no norte de Portugal está 10 puntos por riba no peso do PIB que en Galiza, insistiu o nacionalista, quen destacou que o BNG contempla un plan de fomento da actividade industrial e tecnolóxica, que propicie o incremento do peso da industria no país e alente o investimento empresarial, propio e estranxeiro.
Neste sentido, destacou que o Bloque propón “competitividade e complementariedade” nos proxectos dos dous lados do Miño, co desenvolvemento tamén do proxecto da nova ponte para conectar con Portugal xa prevista no Plan Move.

