Esta iniciativa ten como obxectivo promover boas prácticas entre os usuarios das praias para evitar alterar o equilibrio dos seus ecosistemas
Afundación, en colaboracion co Concello de Baiona, presentou no paseo da praia Ribeira unha nova edición da campaña «Goza da praia sen deixar pegada», unha exposición itinerante a pé de rúa formada por tótems informativos que busca dar coñecer ás persoas usuarias das praias un conxunto de boas prácticas que axuden a respectar os seus ecosistemas e eviten calquera alteración que poida afectar o seu equilibrio. A exposición permanecerá ata mediados do mes de xullo.
No acto de presentación participaron o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña, José Manuel Mourelo, coordinador de Responsabilidade Social Corporativa de Afundación e Saleta González, directora técnica do proxecto PLANCTO, acompañados por varios concelleiros do equipo de goberno.
A iniciativa forma parte do programa «Educación para a sustentabilidade» da Obra Social de ABANCA, primeiro premio nacional de Medio de CECA, co que se pretende promocionar na sociedade un conxunto de boas prácticas ambientais para concienciarnos sobre a inmensa relevancia das pequenas accións do noso día a día.
Con idénticos fins de sensibilización, coincidindo co Mes do Medio Ambiente, Afundación e o Concello de Baiona presentaron o pasado 3 de xuño a campaña «O mar empeza aquí» para visibilizar como os pequenos residuos que se tiran na rúa e nos sumidoiros acaban directamente no mar.