Afea a expulsión e o “desprezo” por parte do Goberno de Abel Caballero cara ás traballadoras do SAF, que protestaron na sesión plenaria polas súas condicións laborais
Xabier P. Igrexas: “PSOE e PP non tiveron reparo en facer pinza para xustificar a situación insostíbel no SAF, son responsábeis da precariedade nun servizo fundamental”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) critica a negativa do PSOE e do PP no Pleno de Vigo a reforzar os recursos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e ao sistema público de atención á dependencia. A fronte nacionalista defendeu unha moción que demandaba reverter os recortes, garantir protocolos de protección e mellorar as condicións laborais. Unha iniciativa que foi tombada cos votos en contra do grupo socialista e coa abstención dos populares. “Non tiveron reparo en facer pinza para xustificar a situación insostíbel no SAF, son responsábeis da precariedade nun servizo fundamental”, reprochou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas.
A sesión plenaria contou coa presenza no público con traballadoras do SAF de Vigo, que foron expulsadas por protestar no Pleno por instrución da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, que ocupaba a presidencia tras unha nova marcha sen xustificación do rexedor, Abel Caballero. “Todo un retrato de talante democrático e de respecto cara á loita sindical”, cuestionou Igrexas, afeando ademais que se lles “desprezase de maneira insultante” nas intervencións do grupo socialista.
O portavoz nacionalista criticou un novo “exemplo de sectarismo” do PSOE após rexeitar a moción do Bloque na que demandaba da Xunta do PP un incremento do financiamento do SAF até un mínimo de 20 euros por hora, amplíe a carteira de servizos e garanta protocolos de protección efectivos fronte á violencia. A iniciativa nacionalista denunciaba tamén como o Goberno galego esgota a bolsa de horas autorizadas para o SAF de Vigo deixando ás persoas sen resposta, malia a “preocupante situación” na cidade con preto de 8.000 persoas con dependencia recoñecida e máis de 14.000 maiores que viven soas.
Igrexas desmontou os argumentos do grupo municipal do PP sobre un aumento do investimento durante o Goberno de Rueda cando “centos de persoas dependentes falecen sen recibir ningún recurso” e Vigo ten 2.200 en lista de agarda para o SAF mentres a Xunta se nega a autorizar máis horas de servizo. “Como poden dicir que invisten máis e teñamos menos atención?”, retrucou o voceiro nacionalista, lembrando que a achega do Goberno galego para financiar o SAF é de apenas 5 euros por hora.
A respecto do Goberno de Abel Caballero, o texto presentado polo BNG ao Pleno recollía o compromiso do Concello para atender as demandas do Comité de Empresa do SAF relativas ás súas condicións laborais. Nese sentido, esixía unha supervisión “rigorosa” da nova licitación en curso do SAF para garantir unhas condicións de traballo dignas e seguras, e estudar a posibilidade de remunicipalizar o servizo.



