O BNG critica o triunfalismo do PP cos orzamentos da Xunta

adminON
Lectura mínima de 3

Hai dous meses presentaba a xunta o seu anteproxecto de orzamentos para o ano 2025. Desde o Partido Popular estradense aseguraban que A Estrada sería a “envexa do resto de concellos” a pesar de que os orzamentos da Xunta só contemplan tres actuacións no noso concello: unha mellora no CEIP Pérez Viondi, os novos edificios dos xulgados e a continuación da AG-59.

Se ben desde o grupo nacionalista considera positivos que haxa investimentos tamén din non entender o “triunfalismo” por parte dun goberno municipal, “que fía todo á autovía”. Segundo o voceiro nacionalista, Xoán Reices, “véndense como logros o que son atrasos, unha autovía iniciada polo co BNG na Xunta e paralizada polo PP 15 anos e uns novos xulgados que, segundo o daquela vicepresidente Rueda, ían estar rematados en 2023”.

“Un defecto que comparte o Partido Popular tanto na Xunta como no concello é a falta de diálogo” denuncia o voceiro nacionalista. Deste xeito, desde o Bloque lembran que a Xunta se opuxo á súa proposta de modifica-lo trazado da AG-59 e lamentan que o Partido Popular non incorporase nin unha soa emenda da decena que presentaron a estes orzamentos. “Nin centro de día público, nin polígono de Toedo, nin Torre de Guimarei, nin centro de diálise, nin mellora da PO-214… Nin tan sequera a mellora da PO-213 unha reclamación unánime de tódolos partidos no pleno estradense e que o alcalde dou por feita hai un par de meses” lamentan desde o Bloque.
Falta de previsión
Cos novos orzamentos e a inauguración do novo edificio dos xulgados os nacionalistas pregúntanse se existe xa algún uso previsto ou se vai ser “un novo edificio público abandonado”. Instan ao alcalde a defini-lo futuro uso deste edificio xa que ata o de agora Louzao valorou que albergase diferentes servizos sociais, un uso que tamén prometeu para o antigo centro de saúde e para o antigo edificio do INEM. “Parece que o alcalde non ten ningún plan para eses edificios, só ten a baza dos servizos sociais e os vai adxudicando a cada edificio en función de por cal se lle pregunte”, acusan desde o BNG.

Comparte este artigo