O BNG de Vilagarcía lamenta que un acto cívico-militar, como ía ser o celebrado este sábado na zona TIR do noso Concello, no que xuraron bandeira preto dun centenar de persoas, derivase na constitución dun verdadeiro parque temático que, alén de ocasionar un caos circulatorio na cidade, servise de escusa para realizar labores de adoutrinamento entre menores de idade, amosándolles o manexo das armas e aleccionándoos nas bondades de entrar no Exército.
Resulta contraditorio que os poderes públicos defendan nos diferentes currículos do ensino obrigatorio, ben directamente, ben nos contidos transversais das diferentes materias, a educación para a paz e o entendemento entre os pobos e, ao mesmo tempo, desde o Ministerio de Defensa se invite a nenos e nenas a comprobar que se sinte ao sentarse aos mandos dun canón ou apuntando cun fusil de asalto a un obxectivo, imaxes que nos fan lembrar aquelas outras de hai máis de cen anos, nos tempos da Paz Armada, cando as potencias europeas preparaban aos cativos no ardor guerreiro patriótico que os había de levar ás gabias da Primeira Guerra Mundial.
Este tipo de actos entendemos que en nada contribúen, nun escenario bélico internacional, do que destacan a guerra de Ucraína e o xenocidio que se está a perpetrar en Gaza, á distensión e a resolución pacífica e dialogada dos conflitos. Moi ao contrario, normalizan dalgún xeito, especialmente entre a poboación máis vulnerable, como son as crianzas, que a guerra é algo inevitable, para o que os Estados teñen que investir cada vez máis en gastos de defensa, e un deber patriótico participar nela, tirando por terra décadas de educación para a paz no que teñen traballado moitos profesionais do ensino. O BNG percebe que, con actos como este da BRILAT, o Goberno de España, dentro das estratexias de rearme da UE, está a dar un salto cualitativo canto á imaxe das FF.AA. do Estado español, pasando de resaltar o seu papel en emerxencias e misións humanitarias, a potenciareventos nos que mostrar músculo fronte a inimigos reais ou imaxinados.