Critica que o proxecto orzamentario continúa desatendendo as necesidades da maior cidade galega, no ámbito educativo, dos servizos sociais, mantén a nefasta política sanitaria e non atende a situación de emerxencia habitacional
Xabier P. Igrexas: “Estas contas confirman que o PP non ten nada, absolutamente nada, que lle ofrecer as viguesas e os vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo vén de facer unha primeira valoración do proxecto de orzamentos da Xunta de Galiza para 2026 e os investimentos previstos para a cidade de Vigo.
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou as contas como “pólvora mollada”, denunciando que “o único que vemos son algunhas grandes cifras para alimentar a propaganda, pero exactamente a mesma política de desatención e abandono coa que o Partido Popular leva castigando a maior cidade do noso país desde o ano 2009”. Para Igrexas, estas contas “confirman que o PP non ten nada, absolutamente nada, que lle ofrecer ás viguesas e aos vigueses”.
Mantense o abandono a Vigo
No caso concreto da cidade de Vigo, Igrexas lembrou que o Partido Popular “bloqueou nos últimos cinco anos 661 millóns de euros en investimentos adicionais para a cidade”, ao rexeitaren todas as emendas que o BNG presentou aos orzamentos desde 2020”. Por iso, advertiu, que “mesmo co incremento recollido formalmente nas contas de 2026, a Xunta do PP continuará debéndolle á cidade 500 millóns de euros, só do último lustro”.
Aliás, denunciou a ausencia de investimentos para afrontar a crise industrial e produtiva,que xa fixo desaparecer o 25% do emprego industrial en Vigo nos últimos 16 anos (datos da última EPA), como a falta dun Plan de reactivaciónindustrial e produtiva e a negativa a desenvolver proxectos chave como o Centro de Reparacións Navais ou un Centro Metropolitano de Impulso Tecnolóxico. Ademais, criticou que non hai recursos para mellorar as instalacións dos centros educativos públicos nin para completar a Escola Superior de Arte Dramático.
En relación ao capítulo de infraestruturas foi cualificado como unha “broma pesada” ao só recoller unha partida mínima para o desenvolvemento da ETEA, o innecesario túnel da Porta do Sol e a conexión Vigo-Ramallosa, e máis nada. “E a ampliación do IFEVI e a mellora dos seus acceso? E o acondiconamento de todos os víais autonómicos que están absolutamente abandonados? E o túnel de Xulían Estevez ou a prolongación do de Beiramar? De momento, nada de nada”, interpelou Igrexas.
Sen resposta á emerxencia habitacional
Igrexas tamén puxo o foco na falta de resposta á emerxencia habitacional que vive Vigo: “Xa son máis de 7.100 as persoas demandantes de vivenda protexida, os alugueiros aumentaron un 35% en cinco anos, e xa temos cinco pisos turísticos por cada vivenda dispoñíbel para alugueiro residencial”. “O único que ofrece o PP son as 2.300 vivendas do Plan de Navia, maioritariamente para venda, e ‘anuncios pirotécnicos’ para o Ofimático ou Ramón Nieto”, engadiu. Desde a fronte nacionalista critican con dureza a negativa do PP a a demanda de dotar Vigo dunha bolsa de vivendas sociais para garantir alternativas habitacionais ás persoas en risco de exclusión e as que padecen os desfiuzamentos.
Por outra parte alertan de que o proxecto orzamentario tampouco prevé novos centros de día para maiores, nin novas escolas infantís a pesar de que 2 de cada 3 familias viguesas quedan sen praza por falla de oferta pública.
Nefasta política sanitaria
O portavoz municipal nacionalista lamentou tamén que se manteña “a nefasta política sanitaria” que “a golpe de recortes e privatizacións converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”. No concreto, Igrexas afeou que se manteña a privatización dun Hospital Álvaro Cunqueiro recortado, que non se queira absorber na rede pública a Povisa, ou que se siga a ignorar desde a Xunta a necesidade de dotar Vigo dunha unidade de trastornos alimentarios, de mellorar a unidade de saúde mental infanto-xuvenil, ou de abrir na cidade dous novos PAC.
“Rueda prefire obedecer a Madrid antes que defender Galiza”
O portavoz nacionalista subliñou que o proxecto orzamentario do Goberno de Alfonso Rueda é “unha estafa reiterada” para o conxunto da cidadanía galega. “Anúncianse proxectos con partidas que nunca se materializan, mentres a Xunta deixaba sen executar o pasado ano 1.000 millóns de euros”, lembrou. A isto engadiu que “este 2025 reducíronse en 18,5 millóns as partidas destinadas ao Servizo de Axuda no Fogar, un servizo esencial que na nosa cidade mantén máis de 2.200 persoas en lista de agarda pola negativa da Xunta a ampliar as horas de atención”.
Igrexas advertiu que o Partido Popular “redobra a estafa” coa súa negativa a aceptar a quita de 4.000 millóns de euros da débeda galega, conseguida polo BNG a través do acordo de investidura co PSOE en Madrid. “A submisión de Rueda aos ditados da rúa Génova fai que o pago da débeda se converta na terceira maior partida de gasto da Xunta, con 1.859 millóns de euros, recursos que se poderían destinar a atender as necesidades das galegas e galegos”, denunciou.
Desde o BNG critican tamén a oposición do PP a que Galiza poida contar cun modelo de concerto económico propio, o que supón “un moi mal negocio para o país” xa que supón que Galiza perda cada ano por volta de 1500 millóns de euros, segundo se recolle en diversos informes expertos e mesmo polo propio Consello de Contas. “Sempre que o PP ten que escoller entre defender os intereses de Galiza ou someterse aos seus xefes en Madrid, escollen o segundo”, reprocharon.
Ampla batería de emendas
Diante destas “contas fake”, Igrexas anunciou que o BNG xa está a traballar na elaboración dunha “amplísima batería de emendas”. Emendas coas que, apuntou, van “esixir que a Xunta do PP deixe de castigar a nosa cidade e asuma que as 300 mil viguesas e vigueses somos 300 mil galegas e galegos con dereitos e con necesidades que o Goberno do noso País debe atender”.



