Dada a situación excepcional que vive o noso país, cunha vaga de incendios que non parece ter fin, e cunhas previsións meteorolóxicas que non albiscan choiva nos próximos días, pensamos que é de sentido común que o goberno municipal pida aos veciños e veciñas que non tiren foguetes durante as celebracións das festas patronais que estes días abundan no noso concello.
Sabemos que esta é unha medida de obrigado cumprimento no caso de declararse o nivel 2 de emerxencia no noso concello, cousa que até o momento non se dá. Con todo queremos recordar que hai poucos días a Estrada viviu dous incendios simultáneos que tensionaron os servizos de emerxencia, nun concello que naquela altura aínda non tiña as brigadas antiincendios constituídas.
Tamén sabemos que o concello non pode prohibir que os veciños e veciñas lancen foguetes no actual nivel de alerta, máis si suxerir non facer este tipo de exhibicións dadas as circunstancias excepcionais que vivimos. Evitar os incendios é cousa de todos e todas.