Esta semana comezou a instalación da malla protectora de toda a fachada do Pazo da Cultura, logo da caída dunha lousa nunha das terrazas da infraestrutura ocorrida o pasado mes de marzo. O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez visitou esta mañá os primeiros traballos de instalación que se prolongarán no tempo, xa que a colocación irá acompañada da supervisión de cada unha das lousas da fachada.
Demetrio Gómez comentou que o sistema de ancoraxe das lousas que se empregaba a finais dos anos 90 non ten todas as garantías seguridade actuais. “Aínda que o risco de caer outra lousa é moi, moi, moi pequeno, no Goberno municipal non imos escatimar esforzos para garantir a seguridade de calquera veciño ou veciña que pase por esta zona”, indicaba o edil.
O proxecto ten dous obxectivos: estudar exactamente cal é a seguridade da cuberta e garantir que, se houbese un problema de seguridade, as pedras queden ancoradas na fachada. Para iso colócanse dúas redes de arredor de 2.345,00 m2: unha pola parte interior, pegada á fachada, é de malla 20X20 mm con diámetro de corda 2,3 mm e unha segunda, pola parte exterior, como segunda capa, é unha rede con malla 100×100 con diámetro de corda de 5 mm.
As dúas redes van instaladas en vertical desde a parte superior á parte inferior da fachada con ancoraxes cada 3 – 4 m de altura formando cintos que rodean a fachada.
A instalación das redes estase a realizar con plataforma elevadora telescópica de 13 m de altura máxima que se instalará, primeiro, na rúa Alexandre Bóveda e, seguidamente, no Paseo do Enxeñeiro Rafael Areses.
Esta intervención de emerxencia ten un custe de 384.992,04 euros, dos cales 14.157,00 € é para a avaliación dos danos por desprendementos e estudio da patoloxía en revestimento de fachada, de medidas provisionais para seguridade e posibles solucións a tomar, adxudicado a Refuerza consultoría técnica. E 370.835,04 € para a implantación das medidas de protección e seguridade na fachada, adxudicado a Construcciones Ramírez.
Demetrio Gómez explicou que obxectivo último é renovar toda a fachada, pero aínda decisión tomarase en función da avaliación que se está a realizar “aínda que todo apunta a que si”.