HomePontevedraPoioO BNG de Poio denuncia incumprimentos laborais na brigada de lumes dende...

O BNG de Poio denuncia incumprimentos laborais na brigada de lumes dende que o Concello privatizou o servizo

- Anuncio -spot_img

A voceira Marga Caldas critica que o goberno de Moldes contratou este ano á mesma empresa de 2024 desentendéndose dos problemas existentes

Os traballadores denuncian que aínda están sen cobrar nocturnidades e horas extras do ano pasado

O BNG de Poio vén de denunciar incumprimentos laborais na brigada de lumes dende que o Concello privatizou o servizo. A voceira Marga Caldas, levou o asunto ao Pleno de onte, critica que o goberno de Moldes contratou este ano á mesma empresa desentendéndose dos problemas existentes en 2024, exercicio do que os traballadores aínda teñen sen cobrar nocturnidades e horas extras.

Segundo a portavoz nacionalista, varios traballadores puxéronse en contacto co Bloque para denunciar a “alarmante” situación de incumprimentos e precariedade laboral. Segundo relataron, son persoal fixo descontinuo ano tras ano e pasaron a depender do Concello a estar subrogados coa empresa coa que o goberno de Moldes externalizou o servizo en 2024, Redenor.

Nestes momentos aínda  non recibiron o pago polas noites e horas extras traballadas o pasado verán a pesar das continuas reclamacións á empresa. Subliñan que o seu salario base é de 1.200 euros e que cos pluses chegaban en anos anteriores ata os 1.500, polo que a perda de ingresos no exercicio anterior supuxo un claro problema.

A firma, engade o persoal, tampouco fai diferenciación clara das responsabilidades asumidas polo persoal. Tampouco lles tramitou o certificado de servizos prestados necesario para puntuar nas oposicións para outras administracións e, supostamente, coaccionou ao plantel “cunha carta de renuncia do contrato feita por eles, e dixéronnos que cando a mandásemos firmada que nos mandaban o certificado”.

 A pesar de tentar comunicar estes graves problemas ao Concello, o persoal da brigada recibiu unha contestación que consideraron desalentadora por parte do goberno local, quen subliñou que “non pode” contactar coa empresa para mediar, facendo fincapé en que o Concello “non debe nada” e está ao día do pago polos servizos prestados. A voceira do BNG subliña que esta resposta por parte da equipa de Moldes “demostra unha falta de compromiso por parte do Concello e reflicte unha preocupante desconexión coa realidade laboral dos que foran os seus contratados, cos que había anteriormente unha vinculación laboral”.

A situación, subliña Caldas, non só queda aí, senón que agravouse aínda máis porque o Concello optou este ano tamén por volver confiar en Redenor para a xestión das brigadas municipais de lumes durante este verán, por un importe de 47.000 euros para un período de tres meses a partir do 1 de xullo.

“Esta decisión de Moldes pon en dúbida a responsabilidade do Concello e expón serias interrogantes sobre o seu compromiso coa protección dos dereitos laborais”, insiste Caldas, que considera “normal” que os traballadores  pidan urxentemente que se regularice o pago das débedas acumuladas de 2024 para poder cumprir adecuadamente coas súas funcións en 2025.

Publicacións Relacionadas