HomePontevedraFernando Pereira xa conta cunha rúa en Arcade

Fernando Pereira xa conta cunha rúa en Arcade

- Anuncio -spot_img
  • A homenaxe tivo lugar na pasada noite do 25 de abril, co descubrimento da placa na rúa Coutada (que pasa a chamarse Rúa Coutada- Alcalde Fernando Pereira) e posterior relatorio no Multiúsos con Pepe Carreiro, Ánxela Sobral, Anxo Quintana e Anxo Angueira.

O concello de Soutomaior ven de renovar o nome da Rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde) que pasa a ser Rúa da Coutada – Alcalde Fernando Pereira. Un acto que tivo lugar na pasada noite cando se acaban de cumprir 25 anos do seu falecemento.

Tratouse dun acto emotivo onde centros de persoas quixeron estar presentes, tanto veciñas e veciños que quixeron e apreciaron a Fernando Pereira, como persoeiros do mundo da política tales como Gelo García, alcalde de Oleiros ou Luciano Sobral o que fora alcalde de Poio.

O acto deu comezo ás 20:30h co descubrimento da nova placa na rúa Coutada (fronte á Cafetería Pastelería Acuña, Arcade) e coa interpretación do himno galego por parte do grupo de gaitas Os Aghuaneiros. Un acto onde asistiron moitas veciñas e veciños do concello, a familia de Pereira e onde o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo,  fixo un pequeno percorrido pola vida do primeiro alcalde da democracia en Soutomaior, deixando patente a fonda pegada que deixara en moitas persoas coma por exemplo nel, “Fernando Pereira fixo que, con 16 anos, comezase a miña traxectoria no mundo da política con amor e paixón, e, de momento,  neste camiño continuamos con moito respecto e ao lado sempre da veciñanza, como el sempre estivo”.

 A continuación, tralo descubrimento da placa, a homenaxe trasladouse ao Multiúsos onde tivo lugar o acto central, unha cita onde tamén falou  o actual alcalde, Manu Lourenzo, quen, cun Multiúsos ateigado, agradeceu o cariño a asistencia de todas as persoas, tralas verbas de Manu foi a quenda da actuación musical, de Mini, que a través das súas letras tamén deixou patente o amor e cariño a Pereira.

A palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ estivo moderada por  Pepe Carreiro en representación da familia, e contou coa participación de Ánxela Sobral quen foi concelleira con Pereira no Goberno e lembrou como foron os anos de Goberno con Fernando Pereira “un home bo e xeneroso que o daba todo a cambio de nada”, unha mesa onde tamén interveu Anxo Angueira,  director da Fundación Rosalía de Castro e tamén amigo de Pereira quen lembrou a fonda pegada que este alcalde deixou no mundo da Cultura, e, para rematar, tivo a palabra o ex vicepresidente da Xunta de Galicia e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana, quen lembrou o moito que lle axudou nos seus inicios como alcalde Pereira, todos os contactos que xa tiña por aquel entón e a ampla visión urbanística que tiña dende que chegou a política e algo que tiña claro Pereira é que “un Goberno se ten que gobernar coa súa veciñanza, sempre estando ao lado do pobo”.  Un acto ao que todas as veciñas e veciños e persoas que admiraban e querían a Pereira estiveron presentes, conseguindo un cheo absoluto no Multiúsos.

O acto rematou coa nota musical de Mini e, “como lle gustaría a Pereira”, cun petisco onde todas e todos os asistentes puideron lembrar o legado de Pereira que estivo, está e estará sempre presente en Soutomaior.

Fernando Pereira foi alcalde en Soutomaior dende o ano 1979 ata o ano 1995, foi o primeiro alcalde da historia da democracia do noso concello, unha persoa de referencia e cun papel moi importante en moitos eidos, entre eles, no exilio onde tivo relación con José Mujica ou con Eduardo Galeano.

Pereira foi unha persoa cun ineludible compromiso galeguista quen sempre velou pola defensa da cultura e da identidade do país. Durante os seu mandatos saíron adiante importantes proxectos para o concello que chegan ata a actualidade como son a estrutura urbanística de Soutomaior, con Pereira, tamén estivo no arranque da 1ª edición da Festa da Ostra. 

Pereira e con el Soutomaior, foi o 1º concello de historia en contar un Plan de Normalización Lingüística e grazas a este alcalde, Soutomaior foi o primeiro concello en contar coa Rúa Alexandre Bóveda, Avenida Castelao ou Rúa Rosalía de Castro.

Publicacións Relacionadas