HomePontevedraPoioO BNG de Poio pide a Moldes que o Concello asuma o...

O BNG de Poio pide a Moldes que o Concello asuma o pago das carpas dos magostos das asociacións que non teñen local propio

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas critica o recorte de axudas aos colectivos e advirte de que unha agrupación xa decidiu non celebrar a súa festa

O BNG de Poio vén de pedir ao alcalde Moldes que o Concello asuma o gasto das carpas para a celebración dos tradicionais magostos organizados polas asociacións do municipio que non contan cun local social propio. Esta petición xorde en resposta á actual política de axudas do Partido Popular, que repartiu unha ‘tarifa plana’ de 600 euros para todos os colectivos sen ter en conta nin os gastos nin necesidades de cada un, o que está a deixar nunha situación precaria a aqueles que necesitan un espazo exterior para levar a cabo a súa celebración.

Segundo o BNG, este sistema de axudas resultou nunha discriminación inxusta cara ás agrupacións que non dispoñen dun espazo propio, xa que ven obrigadas a afrontar o custo do alugueiro de carpas para poder organizar a súa cita anual coas castañas en espazos exteriores. Segundo denuncia o BNG, xa hai unha asociación que decidiu non organizar o seu magosto.

A portavoz do BNG, Marga Caldas, sinala que a axuda económica que actualmente se reparte non é suficiente para cubrir os gastos totais das festas. “Coa cantidade fixa que se está ofrecendo agora, os colectivos pódense ver abocados a renunciar. Son moitos os custes aos que teñen que facer fronte, e hai casos nos que a situación é máis gravosa”, advirte Caldas.

O BNG lembra que, durante os seus mandatos anteriores na Alcaldía, o goberno local asumía directamente os custos das carpas para asegurar que todas as asociacións puidesen participar en igualdade de condicións. “É necesario que as axudas municipais se axusten ás necesidades reais de cada asociación, tal como se facía anteriormente”, subliñou Caldas.

O grupo municipal nacionalista fai un chamado ao alcalde para que facilite a organización dos magostos e asuma, polo menos, a instalación das carpas necesarias, destacando que os recortes nestas axudas poden levar a que outras asociacións decidan tamén non celebrar os seus eventos. “Os magostos da veciñanza son unha cita anual moi concorrida e se continúa este modelo de liña de axudas, é probable que moitas máis agrupacións opten por non celebralos. Xa está a ocorrer e pode seguir sucedendo”, concluíu Marga Caldas.

Coa petición de equidade nas subvencións para que os magostos estean ao alcance de todos os colectivos poienses, o BNG quere que Moldes “abra os ollos” ante as necesidades prácticas das asociacións “en lugar de fachendear de xestión e de que hai diálogo e proximidade á veciñanza, cando realmente non se atenden as peticións”.

Publicacións Relacionadas