A fronte nacionalista reclama que o Concello corrixa de inmediato as deficiencias provocadas polas reparacións do firme diante do “grave risco” que supoñen para as e os atletas
Denuncia que os ximnasios municipais continúan con peches intermitentes
Filipe Abalde: “As pistas de Balaídos son un emblema do abandono que padece o deporte por parte do Goberno de Caballero, mentres a reforma integral continúa pendente desde 2009”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo critica a “chapuza” do Goberno municipal nas obras de reparación do firme das pistas de atletismo de Balaídos. A fronte nacionalista denuncia que o material empregado para parchear o tartán é esvaradío, supoñendo un “grave risco” que xa provocou caídas, con charcos en diferentes puntos, e cun repintando que deixou liñas torcidas ou sen pintar como na zona destinada ao lanzamento de peso.
“O de converter as pistas de atletismo en pistas de patinaxe xa é o colmo”, afeou o concelleiro do BNG, Filipe Abalde, quen acusou o Goberno municipal de seguir cunha “pésima xestión” nas pistas de atletismo. Unhas obras de reparación que, ademais, se executaron fóra do prazo, provocando o peche durante máis tempo do previsto.
“Un novo desastre nunhas instalacións que continúa pendentes, desde o ano 2009, da súa reforma integral”, afeou, lembrando que o alcalde, Abel Caballero, prometeu que se ía desenvolver de maneira simultánea á reforma da bancada de Gol do estadio de Balaídos, pero da que “nada se sabe”.
Abalde demandou que a concellaría de Deportes actúe de inmediato para corrixir estas novas deficiencias e garantir un estado adecuado nas pistas que, afirmou, se converteron nun “emblema do abandono” que padece o deporte por parte do Goberno municipal. “É inaceptábel que un novo parche non só non resolva nada, senón que engada novos problemas”, valorou.
Peches dos ximnasios municipais
Por outra banda, o concelleiro nacionalista alertou de que os ximnasios municipais continúan a rexistrar peches interminentes, que afectan entre outros ás instalacións do Berbés e do Carme, e sen garantir o seu normal funcionamento. Uns peches que, dende o Goberno local, xustifican por presuntas obras e amaños parciais pero que, a xuízo do Bloque, responden a unha “estrutural falla de persoal” na área de Deportes.
Na actualidade, conta con 36 traballadores e traballadoras municipais fronte aos 78 que tiña no ano 2013. Abalde criticou esta carencia de persoal cando o Concello 250 prazas vacantes, por causa da falla de execución das Ofertas Públicas de Emprego e a non cubrición das baixas malia existir listas de contratación dispoñíbeis.
“As moitas persoas usuarias dos ximnasios continúan sen poder facer uso seguro e continuado destas instalacións, e o único que fixo até o momento o Goberno municipal foron pequenas reparacións e pintado, deixando os problemas de fondo sen resolver”, advertiu. Unhas eivas que para o BNG evidencia a “incompetencia e desleixo” do Goberno de Caballero , que este ano 2025 vai deixar máis de 100 millóns de euros sen gastar do orzamento.



