HomePontevedraO SalnésO BNG de Sanxenxo advirte da falta de seguridade viaria no lugar do...

O BNG de Sanxenxo advirte da falta de seguridade viaria no lugar do Santo, en Nantes 

- Anuncio -spot_img

Os nacionalistas fanse eco da preocupación veciñal polo incremento de tránsito de vehículos nesta zona do rural, provocado polo crecemento do parque empresarial e pola non construción do enlace entre o polígono e Vilalonga 

Desde o Bloque recordan que a Xunta de Galicia prometeu esa actuación hai máis de 10 anos con investimentos millonarios, pero que todo quedou en papel mollado, un feito  que volve deixar claro “o escaso peso político de Telmo  

Martín”, a quen acusa de estar só interesado en aplicar políticas de formigón, sen ter en conta as necesidades da veciñanza, especialmente no rural 

O grupo municipal do Bloque  Nacionalista Galego de Sanxenxo (BNG) faise eco da preocupación de  numerosos veciños e veciñas que residen nas inmediacións do lugar do Santo, pertencente á parroquia de Nantes, sobre a falta de seguridade  viaria. Unha situación que, tal e como informaron algún residentes ao  grupo da oposición, xa provocou algún accidente. “É necesario tomar  medidas antes de que ocorra algunha desgraza”, inciden os  nacionalistas, que achacan esta situación ao incremento de tráfico  nesta zona como consecuencia do crecemento do polígono empresarial  de Nantes e, sobre todo, a que a día de hoxe segue sen acometerse a  construción da estrada entre o propio parque industrial e a parroquia de  Vilalonga, como alternativa para aliviar o tráfico nas inmediacións.  

Desde o Bloque sinalan que “nos últimos tempos tanto no Santo como  noutros lugares próximos estase a rexistrar unha densidade de tráfico e  de tránsito de vehículos que antes non se producía”. Un feito que  preocupa, xa que “as vías secundarias existentes non están preparadas  para acoller a tantos automóbiles sen poñer en risco a seguridade dos  peóns”. Un exemplo desta situación vívese na vía que vai desde A Vichona ata a estrada provincial que une Nantes con Lores (Meaño),  con tramos nos que non existe espazo suficiente para garantir o paso  de turismos e o tránsito a pé dos residentes. Isto, ademais, agrávase  polo feito de que en ocasións algúns vehículos transitan a velocidades  demasiado elevadas, segundo apuntan veciños e veciñas do lugar. O voceiro nacionalista, Fran Leiro, ten claro que esta problemática  desaparecería se se construíse dunha vez por todas o enlace entre o  polígono e a parroquia de Vilalonga, un proxecto que “a Xunta de  Galicia ten esquecido nun caixón desde hai máis dunha década, sen que  o Goberno do PP de Sanxenxo nin sequera o solicite”. 

O BNG pregúntase cales son as razóns polas que o alcalde, Telmo  Martín, non move ficha ao respecto e recorda que o grupo nacionalista  presentou en 2024 unha moción plenaria instando á Xunta a que  procedese a desbloquear ao proxecto, algo que foi rexeitado polo  Partido Popular. “Demóstrase, unha vez máis, que o señor Martín está  máis interesado en aplicar cemento en lugares nos que non é preciso,  para seguir coa súa política de formigón, que en defender os intereses  da veciñanza”, critica o grupo nacionalista. Hai que lembrar que xa hai  máis de 10 anos que a Xunta de Galicia do Partido Popular anunciara un  investimento de 2,9 millóns de euros para a construción do enlace entre  o parque empresarial e Vilalonga, o que suporía unha alternativa para o  tráfico que habitualmente circula pola PO-504 e a Autovía do Salnés.  “Cada vez hai máis xente que opta por facer uso de estradas  secundarias do rural, especialmente no verán, e lugares como O Santo  non teñen a capacidade para acoller ese volumen de vehículos, de ahí  que xa se teñan producidos algúns accidentes e incidencias que,  afortunadamente, de momento non resultaron de extrema gravidade”,  apunta Fran Leiro. 

O Bloque tamén recorda que, desde o anuncio do proxecto, a Xunta  nunca incluíu partidas económicas nos seus Orzamentos anuais para  esta actuación. “Telmo Martín presume de bo xestor, pero o certo é que  non ten ningún tipo de interese en solucionar os problemas do rural. E  semella tamén que o seu peso político fóra do Concello é moi escaso, incluso con administracións nas que goberna o Partido Popular, tal e  como demostra a escasez de investimentos por parte da Xunta de  Galicia en Sanxenxo”, conclúen os nacionalistas.

Publicacións Relacionadas