Os nacionalistas presentarán unha moción na sesión ordinaria de xaneiro instando ao Goberno do Partido Popular a que arranxe o asfalto, delimite de maneira axeitada a senda peonil da rúa Ricardo Santos e xestione máis espazos para estacionamento, entre outras medidas
O Bloque faise así eco das queixas recibidas por numerosas nais e pais de estudantes do centro educativo e incide na importancia de garantir a seguridade e paliar os colapsos que se producen nas horas de entrada e saída das clases
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo presentará no vindeiro Pleno ordinario de xaneiro, que terá lugar o luns 27, unha moción instando ao Goberno municipal do Partido Popular a tomar medidas para mellorar e reforzar a seguridade viaria no acceso ao CEIP A Florida. Os nacionalistas levan este asunto ante a Corporación, logo das queixas recollidas por parte de numerosas nais e pais do alumnado que acode diariamente a este centro educativo, cuxas inmediacións presentan un “estado tercermundista”, tal e como advirte o grupo da oposición.
A proposta do Bloque fai mención a unha remodelación da rúa Ricardo Santos, na que se atopa o colexio. Desde o BNG teñen claro que son varias as actuacións que o Concello debe acometer para evitar os problemas que se producen nas horas de entrada e saída das clases, especialmente nos días de chuvia. Un dos traballos máis urxentes sería a dotación dun novo asfaltado, debido ao mal estado no que se atopa o actual, especialmente nas inmediacións da entrada do edificio de Educación Infantil, así como do pavillón. Outro dos aspectos que preocupa a moitas familias que forman parte desta comunidade escolar é a inseguridade viaria que se rexistra pola falta de espazos para estacionar. Tal e como se fai constar na moción, moitos pais e nais
levan e recollen aos seus fillos e fillas nos seus vehículos particulares, polo que nas horas de inicio e finalización da xornada lectiva os automóbiles agólpanse nas inmediacións dos accesos, deixando menos espazo para os peóns. Para paliar este problema, os nacionalistas propoñen ao Goberno local que xestione a adquisición de terreos en parcelas colindantes que están en desuso, a través da negociación coas persoas propietarias, para habilitar máis prazas para estacionar. No que se refire a seguridade viaria, os nacionalistas inciden, asemade, na necesidade de que se demilite e se reforce a sinalización vertical e horizontal da senda peonil que transcorre por Ricardo Santos ata os accesos do CEIP, co fin de evitar que as crianzas corran perigo cando suben ata o pavillón ou ao edificio de Educación Infantil. Con respecto á senda, desde o Bloque tamén advirte de que os traballos de limpeza nesta zona “son moi deficientes”, o que provoca que se acumulen herbas, papeis, envases e outros restos “nunha zona pola que camiñan diariamente centos de rapaces e rapazas de diferentes idades”.
Por último, un dos acordos propostos a través desta moción fai mención á necesidade de dotar de canalización de pluvais á rúa, para acabar coas fochancas e as acumulacións de auga que se rexistran en días de moita chuvia. Esta situación provoca o arrastre de grava e entorpece o acceso na parte máis alta de Ricardo Santos, onde tamén se empraza un poste da luz que delimita o espazo na senda peonil e supón un atranco importante, especialmente para persoas con problemas de mobilidade reducida.
Desde o BNG, ademais, lembran que o Partido Popular anunciou hai 8 anos a apertura dun acceso complementario ao CEIP A Florida desde o lugar de Miraflores. Sen embargo, a día de hoxe non se coñecen máis novidades sobre este proxecto.

