HomePontevedraO BNG de Vigo demanda da Xunta garantías para unhas condicións dignas...

O BNG de Vigo demanda da Xunta garantías para unhas condicións dignas e seguras no SAF e nas residencias

- Anuncio -spot_img

Apoia a xornada de folga convocada pola CIG ante a precariedade e inseguridade das traballadoras do sector dos coidados e a parálise na negociación dos convenios colectivos

Carmela González: “O Goberno galego do PP ten que deixar de mirar para outro lado ante a explotación e a inseguridade laboral nun sector fundamental como o dos coidados”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) reclama da Xunta de Galiza garantías para unhas condicións laborais dignas e seguras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e nas residencias de maiores. Así o esixiu este xoves a deputada no Parlamento galego, Carmela González, quen apoiou en Vigo a xornada de folga convocada pola CIG ante a precariedade e inseguridade das traballadoras do sector dos coidados e a parálise na negociación dos convenios colectivos.

González cuestionou o “desprezo” por parte do Goberno galego do PP en relación a estas reivindicacións a pesar de que “levan moitos anos esixindo ser escoitadas”, Asegurou que o asasinato hai un mes de Teresa de Jesús, traballadora do SAF no Porriño, tiña que “levantar todas as alarmas”. Porén, afeou, a resposta “vergoñenta” da conselleira de Política Social, Fabiola García, culpándoa por non ter denunciado con “mentiras”.

A ese respecto, a deputada nacionalista criticou o veto do PP, durante o Pleno do Parlamento celebrado esta semana, da proposición non de lei presentada polo Bloque cunha batería de medidas para protexer as traballadoras do SAF e garantir condicións de traballo dignas no sector dos coidados.

Entre as medidas propostas, o BNG demandou a incorporación de protocolos de prevención e intervención en casos de agresión, violencia machista ou discriminación. “Hai denuncias en moitos concellos do país de situacións inadmisíbeis que supoñen un risco para as traballadoras”, advertiu.

González esixiu tamén un aumento substancial no financiamento destes servizos esenciais para poñer fin ás “condicións laborais de extrema precariedade e salarios de miseria”. Reclamou nese sentido que o Goberno galego, como máximo responsábel en materia laboral, interveña fronte á parálise na negociación dos convenios colectivos. No caso do SAF, lembrou, leva caducado dende 2012.

“A Xunta ten que deixar de mirar para outro lado ante a explotación e a inseguridade laboral nun sector fundamental como o dos coidados”, remachou a deputada do Bloque.

Publicacións Relacionadas