A fronte nacionalista denuncia “ilegalidade e vulneración de dereitos” e advirte que, de non responder, se somete o Plan Xeral en vigor a unha “evidente inseguridade xurídica”
Lembra que a concelleira de Urbanismo se comprometeu a remitilas de forma individual tras as reiteradas interpelacións do Bloque
Xabier P. Igrexas: “Pasaron 122 días desde que o Pleno aprobou definitivamente o novo PXOM e aínda non se notificou nin unha soa resposta ás persoas e entidades afectadas”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Goberno municipal de Vigo segue sen notificar as resolucións ás máis de 4.500 alegacións formuladas ao novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Transcorridos 122 días dende a aprobación definitiva, dende a fronte nacionalista denuncian que esta falla de resposta supón incumprir a legalidade e vulnerar dereitos da veciñanza e das entidades que alegaron.
Así o fixo público este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertindo que, en caso de non responder, o Goberno de Abel Caballero vai someter o novo Plan Xeral en vigor a unha “evidente inseguridade xurídica”. Lembrou a ese respecto que o período de exposición pública, no que as viguesas e vigueses puideron rexistrar as súas alegacións, finalizou o 17 de xaneiro de 2022. E máis de tres anos despois seguen á espera de resposta, situación que contrapuxo coa tramitación do Plan de 2008.
“A resposta administrativa non é un formalismo burocrático, é un elemento que garante o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva e evita provocar situacións de indefensión, que mesmo poderían levar a cuestionar a legalidade dos acordos”, alertou Igrexas. Así o recolle numerosa xurisprudencia, segundo o voceiro nacionalista, entre elas a propia Lei de Procedemento Administrativo que estabelece, no seu artigo 40, a obriga de comunicar individualmente a resposta aos recursos e alegacións das persoas afectadas.
Dende o Bloque subliñaron que o trámite de alegacións permite, por un lado, que a cidadanía participe na elaboración de normas que lles afectan de forma directa como o Plan Xeral e, por outro, facilita que a Administración coñeza os efectos e consecuencias dos acordos. Do mesmo xeito, a propia normativa urbanística recolle a obriga do Concello de dar a máxima publicidade e facilitar a participación pública na tramitación e execución do documento. Por este motivo, consideran que se está privar á veciñanza da protección fronte a eventuais lesións dos seus dereitos ou intereses lexítimos.
Igrexas valorou esta falla de resposta como “un exemplo máis da falla de dilixencia e total opacidade” coa que o Goberno de Caballero tramitou e aprobou o novo PXOM que, criticou, foi “elaborado na escuridade dos despachos, ao ditado dos escuros intereses dos de sempre e de costas á cidadanía viguesa”.
Compromiso de Urbanismo
A fronte nacionalista afeou tamén que a concelleira de Urbanismo, María José Caride, estea faltando aos seus propios compromisos cando manifestou, en resposta ás reiteradas interpelacións do BNG, que se notificarían as alegacións. Así o afirmou en 2002, anunciando que a resolución se comunicaría de forma individual despois da aprobación provisional do Plan Xeral, que tivo lugar o 28 de decembro de 2023.
No mesmo sentido, a responsábel de Urbanismo comprometeuse a informar unha por unha de todas alegacións unha vez finalizados os informes sectoriais definitivos por parte do Goberno estatal. E tamén o asegurou este pasado 22 de xullo, situando o prazo para a resposta no momento en que o PXOM fose publicado no Boletín Oficial da Provincia, situación que se produciu o 4 de agosto, e cando entrase en vigor, o 27 do mes pasado.
“Esa notificación que é a que garante que as persoas afectadas coñezan o resultado das súas alegacións é absolutamente imprescindíbel para que poidan exercer os seus dereitos no caso de que querer promover unha reclamación, a través da vía contencioso-administrativa, para defender os seus intereses”, defendeu Igrexas.
Por estes motivos, o BNG anunciou que vai pedir explicacións no vindeiro Consello da Xerencia de Urbanismo e requirir por escrito que o Goberno municipal cumpra coa legalidade e notifique de maneira inmediata a resposta a todas e cada unha das alegacións veciñais. O portavoz nacionalista advertiu que, de non facelo, o novo Plan Xeral se vai someter a unha “evidente inseguridade xurídica”, lembrando que a anulación do anterior de 2008 foi debido a unha irregularidade na súa tramitación administrativa.