A fronte nacionalista retruca as declaracións do alcalde nas que nega que a cidade conte con menos efectivos dos necesarios, aportando o acordo da Xunta de Goberno de 2010 e o informe do xefe de Bombeiros de 2024 onde se estabelece esta dotación mínima
Xabier P. Igrexas: “Caballero ten que deixar de enganar e asumir a súa responsabilidade por ter recortado nos últimos anos un servizo esencial para a seguridade da cidade”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, minte sobre a dotación mínima de bombeiros na cidade. A fronte nacionalista retruca así as declaracións realizadas este pasado xoves polo rexedor, nas que negou que o número mínimo de efectivos por xornada sexa de 20, aportando o acordo da Xunta de Goberno Local de 2010 e o informe do xefe de Bombeiros de 2024 que demostran o “engano e manipulación” do alcalde.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, revelou a acta que demostra que foi o propio Goberno de Abel Caballero quen reduciu de 24 a 20 os efectivos dos “servizos mínimos inescusábeis” por xornada, nun acordo da Xunta de Goberno Local (XGL) do 10 de maio de 2010. Un acordo que foi ratificado o pasado 25 de abril de 2024 pola concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, asinando o informe proposto polo xefe do servizo de Bombeiros, que fixa en 20 a dotación ordinaria mínima por xornada e que foi incorporado no expediente para determinar a xornada laboral dos bombeiros.
“É evidente que o alcalde minte cando di que o mínimo está fixado agora en 16”, afirmou Igrexas, quen afeou o “cinismo inaceptábel” do rexedor por acusar o Bloque de mentir cando denuncia a situación. O portavoz nacionalista anunciou que vai solicitar acceso ao presunto acordo no que figura esta redución anunciada polo rexedor, asegurando que “non o poderá facer porque non existe”.
Incumpre tamén o falso mínimo
Neste sentido, a fronte nacionalista denunciou que Abel Caballero minte incluso sobre o cumprimento dese “falso mínimo” de 16 bombeiros, cando houbo xornadas nas que non se contou con ese número de efectivos. Diante desta “nova falsidade” do rexedor, o BNG vai demandar tamén acceso á relación de bombeiros en activo cada xornada desde o 27 de agosto do ano pasado, data na que se iniciou o programa de reforzos voluntarios, detallando os seus postos e o parque no que estiveron.
“A realidade que nega Caballero é que os dous parques de bombeiros da cidade están abertos grazas a que se están a facer moitas horas extra por causa do insuficiente número de bombeiros”, respondeu Igrexas ás acusacións do rexedor. De feito, revelou o portavoz nacionalista, o propio xefe do servizo de Bombeiros fixou no seu informe como dotación óptima 23 efectivos diarios.
Sobre o acordo da XGL de 2010, o BNG detallou que a dotación mínima aínda vixente está composta por 3 mandos,11 bombeiros, 5 condutores bombeiros e 1 bombeiro de comunicacións. Unha decisión que supuxo un recorte do 16% no mínimo de efectivos, que fixo que se pasara de contar con 3 trens de saída a só 2 en precario, que foi xustificado nese momento pola existencia dos parques comarcais de bombeiros do Porriño e do Morrazo.
“Vigo sen bombeiros non é segura”
Igrexas esixiu Abel Caballero que “deixe de enganar e manipular” e reclamou que “asuma a súa responsabilidade por ter recortado nos últimos anos un servizo esencial para a seguridade da cidade como os bombeiros”. Dende o Bloque demandaron unha rectificación urxente para garantir ese mínimo de 20 efectivos en activo por día porque “Vigo sen bombeiros non é segura”.
“Falamos de 20 efectivos como mínimo por xornada para atender os dous parques de zona, o de Teis e o novo de Esturáns, nunha cidade de 110 quilómetros cadrados, con preto de 300 mil habitantes, unha inmensa faixa forestal nos seus montes perirubanos e importantes núcleos de actividade industrial, remachou o portavoz municipal do BNG.