Denuncia que o programa de compra de vivendas para alugueiro anunciado hoxe polo alcalde non chegará nin á metade das 40 que o seu goberno vendeu en 2017 na rúa República Arxentina en lugar de destinalas a uso social
O borrador do prego de condicións do “programa pantasma” permite vivendas de 40 metros cadrados e mesmo estudos de só 25 e fixa que no prezo máximo de 180 mil euros se inclúan tamén os custes das reformas que necesiten
Xabier P. Igrexas: “A solución de Caballero ao gravísimo problema da vivenda é ofrecer uns poucos pisos que van ter menos tamaño que o seu despacho no Concello”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo reaccionou aos anuncios realizados esta mañá polo alcalde, Abel Caballero, en materia de vivenda acusando o rexedor de “rirse da xente”.
Así o valorou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, para quen o anuncio dun programa de 2,5 millóns de euros para que o Concello compre vivendas para as destinar a alugueiro é “puro fume e unha verdadeira tomadura de pelo aos centos de familias traballadoras e millares de mozas e mozos que hoxe non se poden permitir, literalmente, vivir na nosa cidade”.
“Que nunha cidade con máis de 7.100 persoas rexistradas como demandantes de vivenda protexida a grande medida do goberno de Caballero sexa un programa para adquirir apenas 13 vivendas é rirse da xente”, argumentou.
Igrexas cuestionou a ridícula dotación económica do programa, de só 2,5 millóns de euros, lembrando que o orzamento total do Concello supera este ano os 400 millóns e que as arcas municipais teñen máis de 150 millóns de remanentes. “2,5 millóns para comprar vivendas por un máximo de 180 mil euros, a conta é ben doada de facer”, subliñou.
Aliás, criticou o “efectismo” do anuncio de hoxe, toda vez o único que vai facer o Concello é aprobar na Xerencia do Urbanismo convocada para o vindeiro martes a incoación do expediente, o que na práctica só supón iniciar a tramitación administrativa.
“Estamos diante dunha verdadeira estafa. Política de vivenda de Aliexpress. Pura e dura simulación para que pareza que se está facendo algo cando en realidade non se quere facer nada, como demostrou o PSOE no último Pleno votando en contra da moción do BNG na que se urxían despregar medidas concretas para facilitar o acceso á vivenda, que xa foran aprobadas polo propio Pleno no mes de marzo de 2024”, denunciou Igrexas.
O portavoz municipal nacionalista retratou a “ambiciosísima política de vivenda de Caballero como delirante”, dando a coñecer que o borrador do prego de condicións para a compra desas vivendas estabelece que como superficie mínima terán 40 metros cadrados, pero admite que poida haber estudos de 25 metros cadrados. “A solución de Caballero ao gravísimo problema da vivenda é ofrecer uns poucos pisos que van ter menos tamaño que o seu despacho no Concello”, enfatizou.
Compra menos pisos dos que vendeu
Neste sentido, desde o BNG denuncian que este novo “programa pantasma” vai ter menos vivendas que a metade dos 40 pisos que o Concello vendeu por 5,5 millóns de euros na rúa República Arxentina, no ano 2017, en lugar de destinalos para crear un verdadeiro parque público de vivenda social na nosa cidade, como demandaba o BNG.
“Xa abonda de rirse da xente, xa chega de anuncios ocos e medidas aparenciais”, esixiu Igrexas, defendendo que as moitas viguesas e vigueses que non poden acceder a unha vivenda nunha cidade que ten, segundo datos oficiais do INE preto de 22 mil vivendas baleiras, “o que precisan e merecen é unha verdadeira política de vivenda, con feitos, mobilizando recursos e actuando de verdade”.



