HomeDeputaciónsDeputación PontevedraLuisa Sánchez chama a un “acordo institucional histórico” entre Deputación, Concello, Xunta...

Luisa Sánchez chama a un “acordo institucional histórico” entre Deputación, Concello, Xunta e Goberno de España para blindar a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

- Anuncio -spot_img

A vicepresidenta avoga por implicar ás catro administracións e urxe a Abel Caballero a remitir un cronograma de actuacións e necesidades orzamentarias para que a cidade albergue o evento

En resposta á carta enviada polo alcalde, a representante provincial pide “un traballo eficaz e rigoroso” e unha planificación global de todas as obras previstas no marco da candidatura

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, chamou este xoves a alcanzar un “acordo institucional histórico” entre a institución provincial, o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia e o Goberno de España para blindar economicamente a candidatura olívica a converterse en sede do Mundial de fútbol do ano 2030. Segundo sostivo, ese pacto debe implicar ás catro administracións “ao mesmo nivel” co financiamento das actuacións previstas no marco da candidatura.

En resposta a unha carta remitida polo alcalde da cidade, Luisa Sánchez remarcou a aposta da Deputación na reforma do estadio desde 2014 e ratificou o seu desexo de que Vigo volva ser sede da Copa do Mundo de fútbol. Unha aspiración para a que se fai precisa a implicación do Estado como institución que propuxo a España como co-organizador do evento e do Concello como responsable da candidatura da cidade.

Segundo sostivo a vicepresidenta provincial, a Deputación de Pontevedra estará canda eles. “Necesitamos que todas as administracións fagan o seu traballo para seguir comprometidos con Vigo, co Celta e co celtismo”, sinalou tras recordar que a Xunta de Galicia xa amosou o seu apoio oficial á candidatura olívica.

En todo caso, Luisa Sánchez tivo que lamentar “certas eivas” apreciadas nas propostas trasladadas por Abel Caballero, das que deu conta na carta coa que contestou ao alcalde. Principalmente, lamentou que non exista “ningún cronograma de actuacións e necesidades financeiras que nos conduzan a albergar o Mundial”. Por iso, instou a emprender “un traballo eficaz e rigoroso” e abordar todas as obras previstas no marco da candidatura cunha planificación global e a medio-longo prazo, ademais de deseñar unha cronoloxía “precisa e orzamentada”.

No caso concreto da construción dos novos colectores da bancada de Tribuna, botou en falta a existencia dun proxecto que permita valorar con claridade a obra. Ademais, advertiu de que o investimento anunciado arrastra una variación económica do 66%.

“Confío en que o alcalde de Vigo nos remita toda esta información o antes posible e axilice os seus tempos para avanzar a bo ritmo neste proceso, xa que non recibimos a súa carta ata un mes despois de tela anunciado nunhas declaracións gravadas e enviadas aos medios de comunicación”, relatou Luisa Sánchez.

Ao fío, recordou que o Concello “está a ralentizar” a sinatura do convenio para que a Deputación financie a reforma da piscina de Teis. O acordo xa está aprobado polas respectivas xuntas de goberno e só está pendente a rúbrica. “Hei de recordar que eses cinco millóns de euros de investimento correspóndense ao ano 2025. E xa estamos en novembro”, indicou.

Publicacións Relacionadas