HomePontevedraO BNG de Vigo esixe que o Concello non contrate con empresas...

O BNG de Vigo esixe que o Concello non contrate con empresas ligadas á industria militar e de Israel

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista reclama información detallada sobre os contratos con GuardianHomelandSecurity S.A. e demanda que se adopten medidas para vetar a calquera empresa ligada ao sector militar e de seguridade de Israel da contratación municipal

Xabier P. Igrexas: “O Concello non pode cooperar, nin directa nin indirectamente, co entramado militar que perpetra un brutal xenocidio en Palestina”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo demandou hoxe a suspensión inmediata de todos os contratos do Concello con empresas vinculadas á industria militar israelí, así como a prohibición de novos contratos con entidades similares.

A iniciativa, rexistrada formalmente, responde á constatación de que o Concello mantivo relacións contractuais con GuardianHomelandSecurity S.A., filial de GuardianHolding LTD que comercializa produtos “probados en combate”, e emitiu facturas en decembro de 2023, tras a agresión militar de Israel contra Gaza coa que se iniciou o xenocidio en curso na Palestina.

Igrexas foi contundente: “O Concello de Vigo non pode cooperar, nin directa nin indirectamente, co entramado militar que está a perpetrar un brutal xenocidio na Palestina que xa se cobrou máis de 50 mil vidas, na súa maioría de mulleres e crianzas”. O BNG esixe ao alcalde, Abel Caballero, información detallada sobre estes contratos e a adopción de cláusulas éticas nos pregos de contratación para excluír empresas ligadas a un Estado acusado de crimes de guerra e contra a humanidade.

A formación argumenta que a Lei de Contratos do Sector Público, a normativa europea e os Principios Reitores da ONU ofrecen un marco legal para vetar estas empresas. O BNG tamén subliña o masivo rexeitamento da cidadanía viguesa ao xenocidio en Palestina, instando ao Goberno municipal a aliñarse de maneira coherente con esa posición. A iniciativa municipal busca garantir que Vigo non colabore con entidades ligadas a violacións graves do dereito internacional humanitario.

Publicacións Relacionadas