HomePontevedraO BNG de Vigo esixe reactivar a Mancomunidade para convertela nun instrumento...

O BNG de Vigo esixe reactivar a Mancomunidade para convertela nun instrumento útil ao servizo da veciñanza

- Anuncio -spot_img

Denuncia que en 2024 só gastou 600 mil euros, o que supón 1,62 euros por habitante, “o equivalente a un café con leite”, malia ter xa preto de 2 millóns de euros de remanentes

Acusa a PSOE e PP de pretender a “morte por inanición” dunha Mancomunidade que, alerta, está xa en “coma profundo”

Xabier P. Igrexas: “A Mancomunidade ten que deixar de ser unha casca baleira, un logotipo sen apenas actividade que lle custa ás viguesas e vigueses 116 mil euros cada ano”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixiu hoxe a reactivación da Mancomunidade da Área Intermunicipal de Vigo (MAIV) para a converter nun instrumento útil que vertebre a realidade metropolitana e mellore os servizos públicos e a calidade de vida das 375.000 persoas que viven nos concellos que a integran.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, denunciou que a Mancomunidade, que custa 116.000 euros anuais á cidadanía viguesa, é unha “casca baleira” debido á “falla de iniciativa e desleixo” do PSOE e ao “boicot irresponsábel” do PP.

Na Comisión Especial de Contas celebrada na tarde onte, onde se ditaminou a Conta Xeral de 2024 co voto en contra das nacionalistas, constatouse que en todo o ano pasado a Mancomunidade tivo un gasto total de apenas 600 mil euros. “Falamos de que o retorno para as case 375 mil veciñas e veciños dos concellos que a integramos, foi de apenas 1,62 euros per cápita, un café con leite ao ano. Iso é o que lle ofrece en servizos a Mancomunidade á veciñanza da área metropolitana máis importante de Galiza”, lamentou Igrexas.

Coma profundo

O BNG criticou o “estado de coma profundo” no que se atopa a Mancomunidade e que se engade ao bloqueo que a lea partidista entre populares e socialistas impuxo na Área Metropolitana. Unha falla de actividade que provocou que un ano máis os seu remanentes económicos volvesen medrar até atinxir case os 2 millóns de euros, un 12% máis desde 2020. Remanentes que, remarcou Igrexas, son “recursos da cidadanía que non se invisten en servizos para a cidadaníae que por causa da reactivación das regras fiscais están baixo o risco real de ficaren inmobilizados e inutilizados”.

A Mancomunidade, creada hai 33 anos como xermolo dunha vertebración metropolitana, non desenvolveu ningún servizo mancomunado relevante, salvo un limitado programa de asesoramento a emprendedores.

Igrexas acusou a PP e PSOE de pretender “a morte por inanición da Mancomunidade” ao que contrapuxo a vontade firme da fronte nacionalista por avanzar na vertebración metropolitana. 

“O futuro da nosa cidade non pasa por seguir mirándose o embigo, con ese hiperlocalismo limitante, senón por exercer como maior cidade galega, liderando a nosa realidade metropolitana desde o diálogo e a cooperación co resto de concellos, para nos converter nun grande polo de desenvolvemento da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e no motor de todo un País, e iso pasa por facer da Mancomunidade un instrumento útil, con actividade e servizos” remarcou.

Publicacións Relacionadas