HomePontevedraO BNG de Vigo pide reforzar o control de acceso de vehículos...

O BNG de Vigo pide reforzar o control de acceso de vehículos na peonil do Calvario

- Anuncio -spot_img

A fronte nacionalista demanda unha maior vixilancia ante as denuncias veciñais que alertan dun aumento do tráfico neste espazo a pesar das limitacións e prohibicións

Xabier P. Igrexas: “No BNG apostamos por estender o modelo de éxito do Calvario para construírmos un novo Vigo no que a cidade deixe de ser dos coches para ser de todas as veciñas e veciños”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pide reforzar o control de acceso de vehículos na peonil do Calvario. A fronte nacionalista demanda do Goberno municipal de Vigo unha maior vixilancia atendendo as denuncias veciñais que alertan dun aumento de coches neste espazo a pesar das limitacións e prohibicións para circular.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, reivindicou a peonalización do Calvario como unha das “maiores transformacións” na cidade, impulsada por unha alcaldía nacionalista, no camiño de avanzar na democratización do espazo público para devolver as rúas ás persoas. Unha medida que, afirmou, permitiu gañar en seguridade, sustentabilidade e calidade de vida.

“Non podemos permitir que o desleixo e a falla de atención por parte do goberno de Caballero nos faga retroceder”, defendeu Igrexas diante do incremento de vehículos que “invaden” esta rúa peonil. En particular, reclama reforzar o control na confluencia da rúa Aragón con Urzáiz, así como mellorar a sinalización e a seguridade peonil na contorna das rúas Toledo, Estremadura, Cataluña e León.

Con motivo do Día Mundial dos e das Peóns, dende o Bloque piden dar pasos para vivirmos nun Vigo con “máis espazos abertos, seguros e limpos, co mínimo nivel de ruído e contaminación, con máis vexetación e cheos de vida”, recollendo propostas de organizacións como a ‘Rede de Cidades’. Un obxectivo que, aseguran, permitirá tamén avanzar cara a unha cidade máis descarbonizada, combatendo deste xeito os efectos da situación de emerxencia climática que padecemos.

Estender o modelo do Calvario

O portavoz municipal nacionalista puxo como exemplo a actuación no Calvario hai máis de dúas décadas, e apostou por estender este “modelo de éxito” a máis ámbitos. “O BNG demostramos que outro modelo de cidade, coas persoas no centro, máis verde e segura, era posíbel ademais de necesario”, afirmou, chamando a “construírmos un novo Vigo no que a cidade deixe de ser dos coches para ser de todas as veciñas e veciños”.

Publicacións Relacionadas