A fronte nacionalista oponse aos plans do PP de abrir o Olimpia Valencia a costa de pechar dous centros de saúde da cidade e con persoal derivado doutros ambulatorios, após unha xuntanza con representación sindical da Comisión de Centros da área sanitaria
Alerta sobre a pretensión da Xunta de concentrar neste novo centro a atención pediátrica
Alexandra Fernández: “Venderon a apertura como un gran avance pararematar co colapso a Atención Primaria, mais agora vemos quefoi unha auténtica mentira”
Xabier P. Igrexas:“O PP de Alfonso Rueda quere facer outra vez de Vigo o banco de probas dos experimentos cos que xogan coa saúde das viguesas e dos vigueses”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita o modelo da Xunta de Galiza para o novo Centro de Saúde Integral (CIS) Olimpia Valencia de Vigo. A fronte nacionalista oponse aos plans do Partido Popular por considerar unha “estafa” que este novo centro se pretenda abrir a costa de pechar os ambulatorios de López Mora e o Nicolás Peña, e sen contratar novo persoal derivando profesionais doutras dotacións sanitarias da cidade.
Así o trasladaron o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, e a deputada no Parlamento galego, Alexandra Fernández, despois de manter este luns unha xuntanza con representación sindical da Comisión de Centros da área sanitaria. Nela criticaron a “mentira” do Goberno galego, que anunciara que o CIS Olimpia Valencia ía reforzar unha Atención Primaria “absolutamente colapsada” en Vigo.
“Unha auténtica estafa”, censurou Fernández, quen alertou de que esta decisión é un paso máis na política de recortes aplicada pola Xunta do PP durante as últimas dúas décadas que vai agravar os problemas nos centros de saúde da cidade. Dende o Bloque rexistraron a ese respecto iniciativas no Parlamento galego para reclamar que se paralice o peche do Nicolás Peña e que o CIS Olimpia Valencia conte con novos profesionais.
“O PP de Rueda querer facer outra vez da nosa área un banco de probas dos seus experimentos, cos que xogan coa saúde das viguesas e dos vigueses”, afeou o portavoz municipal do BNG, rexeitando que queiran converter o CIS Olimpia Valencia “nunha especie de Isabel Zendal”, en referencia ao hospital madrileño que se abriu durante a pandemia derivando recursos doutros centros sanitarios.
Neste sentido, alertou de que os plans da xerencia da área sanitaria suporían desprazar 105 profesionais doutros centros de saúde, sen ningunha nova contratación, o que suporía que o Olimpia Valencia abrirá as súas portas con case un 20% menos do persoal proxectado.
Centralizar a atención pediátrica
Dende o Bloque advertiron tamén dos riscos para a atención pediátrica na cidade, rexeitando a pretensión do Goberno galego de centralizar no Olimpia Valencia os servizos existentes en centros como López Mora, o Nicolás Peña, Pintor Colmeiro e Coia. “É a antesala dunha política que quere deixar de garantir, nos centros de saúde da nosa cidade, unha atención especializada para as nosas crianzas”, alertaron.
Para a fronte nacionalista urxe unha “emenda á totalidade” das políticas da Xunta do PP na área sanitaria de Vigo, que comece por reforzar a Atención Primaria como “columna vertebral” do sistema público de saúde. Para iso, defende o BNG, debe garantirse que a apertura do CIS Olimpia Valencia veña acompañada de máis profesionais nas diferentes disciplinas.