O BNG de Vigo rexeita a “tortura fiscal” de Caballero: pretende subir de novo un 4% os impostos municipais

adminON
Lectura mínima de 4

A fronte nacionalista avanza unha ampla batería de emendas para alargar as bonificacións para 2026, atendendo a situación económica real das familias viguesas

Demanda unha fiscalidade socialmente xusta fronte aos “discursos demagóxicos” do PSOE e do PP, que aplican subidas ou reclaman rebaixas de carácter xeral

Xabier P. Igrexas: “É unha estafa insoportábel que o Goberno local aplique aumentos xerais das taxas cando nos dous últimos exercicios deixou 210 millóns sen gastar”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) rexeita a pretensión do Goberno de Abel Caballero de aumentar un 4% os impostos municipais para 2026. O portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificou de “tortura fiscal” que o alcalde incremente as taxas de forma xeral por terceiro ano consecutivo cando o Concello dispón de máis de 100 millóns en remanentes.

A fronte nacionalista avanzou a formulación dunha ampla batería de emendas fronte á proposta do Goberno municipal, co obxectivo de alargar as bonificacións e exencións atendendo a situación económica real das familias viguesas. “É insultante que un goberno que se di progresista pretenda aplicar un incremento xeral dos impostos que é case un 1% superior ao aumento medio dos salarios”, censurou Igrexas.

O portavoz municipal do BNG considerou esta nova suba xeral como “especialmente inxusta” no actual contexto, no que asegurou que as clases populares e traballadoras “seguen padecendo o impacto da inflación real, da que se nota na cesta da compra e nos pagos de cada mes”. Por este motivo, defendeu avanzar cara a unha fiscalidade socialmente xusta na que “quen menos pode, menos pague” fronte ao que tachou como “discursos demagóxicos” do PSOE e do PP, que aplican subas ou piden rebaixas xerais.

“É posíbel que para Abel Caballero, cun salario anual que supera os 75.000 euros, ou para os membros do Goberno con retribucións de máis de 65.000, o aumento das taxas dun 4% poida parecerlles un asunto menor”, censurou Igrexas, contrapoñendo a situación de moitos fogares da cidade “nos que cada euro conta e onde cada día 15 é fin de mes”. 

A xuízo do Bloque, un Concello coa capacidade económica de Vigo “non pode contribuír a aumentar o empobrecemento da maioría social”, lembrando que na cidade hai preto de 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza e até 23.000 fogares con ingresos inferiores a 8.000 euros anuais.

“Cada vez máis impostos a cambio de menos”

O voceiro municipal nacionalista asegurou tamén que esta suba, recollida no proxecto de modificación das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano, carece de xustificación económica cando as arcas do Concello contan con amplos remanentes de tesourería que, denunciou, son resultado da inexecución orzamentaria.

Tachou neste sentido de “estafa insoportábel” o aumento xeral dos impostos que pretende o Goberno de Caballero mentres deixou 210 millóns de euros sen gastar dos presupostos municipais nos dos últimos exercicios. “Cada vez máis impostos a cambio de menos”, remachou Igrexas, anunciando a formulación de emendas por parte do BNG para dar alternativas a esta suba impositiva e fronte ao “calote” dos recibos do lixo e da auga.

Comparte este artigo