O deputado nacionalista Luís Bará considera que a continuidade do uso sanitario do Provincial obriga a levar a cabo actuacións de mellora dunhas instalacións que non son acordes con unha atención de calidade como é o caso de Psiquiatría
Bará considera que as especulación sobre usos non sanitarios do Provincial “son fogos de artificio e intentos de desviar a atención”.
O BNG rexistrou no Parlamento galego unha batería de iniciativas nas que se demanda á Xunta a aprobación dun proxecto de modernización e mellora das instalacións do Hospital Provincial de Pontevedra, a comezar por aqueles espazos que teñen un deterioro maior como é o caso de Psiquiatría.
O deputado do BNG Luís Bará considera que o Provincial vai seguir tendo uso sanitario durante varios anos, “tendo en conta os prazos previstos para rematar as obras no Novo Montecelo e o calendario para a remodelación do actual Montecelo, que cando menos nos sitúa no ano 2030, xa que ainda non está feito nin o proxecto desta obra”.
Ao mesmo tempo o SERGAS xa adiantou que en tanto non se leve a cabo a remodelación do actual Montecelo varias especialidades seguirán prestándose no Provincial. Este parece ser o caso de hospitalización en Oncoloxía, Psiquiatría, coidados paliativos e unidades de cirurxía ambulatoria. Outras especialidades, polo contra, está previsto que se trasladen ao Novo Montecelo cando rematen as obras como é o caso de pediatría, urxencias pediátricas, partos, xinecoloxía, obstetricia ou neuroloxía.
Por medio das iniciativas rexistradas, o BNG demándalle ao SERGAS que aclare cal vai ser o calendario para as obras de reforma do actual Hospital de Montecelo, cales van ser funcións que vai cumprir o Provincial nos vindeiros anos, que se prevé facer cos espazos que queden baleiros no Provincial e que obras teñen previsto levar a cabo para mellorar as súas instalacións.
Por último, o BNG pídelle a Xunta e ao PP que deixen de alimentar especulacións sobre usos futuros non sanitarios do Provincial. Segundo Luís Bará “estas especulación son foguetes de artificio e intentos de desviar a atención”.

