O Club do Mar de Bueu-Simei e o concello organizan este domingo a XVI Bandeira de Bateis

Redacción
Lectura mínima de 2
  • A proba tomará saída do peirao bueués ás 10.30 horas e nela agárdase a participación dun cento de embarcacións
  • O percorrido sairá do peirao de Bueu cara a zona da Robaleira, variando as distancias segundo as categorías

O Club do Mar de Bueu – Simei e o Concello de Bueu organizan este domingo, 22 de febreiro, a XVI Bandeira de Bateis, unha regata que se desenvolverá a partir das 10.30 horas e na que se agarda a participación dun cento de embarcacións. Este venres tivo lugar a presentación en rolda de prensa do evento coa presenza de Rosario Freire e Javier Pazos, da directiva do club, e de Carmen García e Xosé Leal, concelleiros municipais.

Esta actividade, que xa vén sendo unha proba clásica no calendario de regatas de Bateis da Zona Sur, terá o formato de regata en liña, en quendas lanzadas na mesma categoría, cun minuto de intervalo, e con cinco minutos entre as distintas categorías. O percorrido sairá dende o peirao de Bueu cara á praia da Robaleira, e as distancias variarán segundo as categorías. Segundo as previsións do club, pois a inscrición aínda se pecha hoxe, prevese a participación de quince equipos de alevíns feminino, mixto e masculino; dezaoito de infantil feminino, mixto e masculino; vinte e un de cadete feminino e masculino; doce de xuvenil masculino e feminino; dez de sub 23 feminino e masculino; e dezaoito de séniors feminino e masculino.

A organización agarda a participación de máis dun cento de embarcacións e de arredor de cincocentos deportistas, polo que se prevé un domingo cheo de remo.

Tal e como se establece no regulamento, as traiñeiras gañadoras nas categorías masculina e feminina faranse cunha bandeira conmemorativa da proba, para os clubes que acaden maior puntuación nas diferentes regatas. Así mesmo, haberá medallas para os barcos clasificados en cada categoría.

Comparte este artigo