Defenderá unha moción contra a proposta do Goberno de Rueda para endurecer o control sobre as baixas pese a que Galiza ten o segundo menor índice de todo o Estado
Reclama reforzar a Atención Primaria, abandonar a estratexia de privatización da saúde laboral a través das mutuas e máis políticas de prevención ante a elevada sinistralidade
Xabier P. Igrexas: “O PP trata as traballadoras e traballadores como vagos e maleantes e ao persoal sanitario como estafadores”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) pedirá que o Pleno de Vigo do vindeiro luns rexeite a criminalización das baixas laborais por parte da Xunta de Galiza liderada polo PP. A fronte nacionalista defenderá unha moción na que censura a proposta do Goberno de Rueda de endurecer o control e de dificultar o acceso ás incapacidades temporais das persoas traballadoras.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, tachou este venres en rolda de prensa de “inxusta, irresponsábel e profundamente insultante” a medida presentada polo presidente da Xunta durante o pasado Debate sobre o Estado da Nación. “O señor Rueda decide perseguir as traballadoras e os traballadores en lugar de atacar as causas e de afrontar os problemas reais da saúde laboral e da precariedade”, criticou.
Reprochou que con esta iniciativa o Goberno galego “poña baixo sospeita a quen está enfermo ou accidentado” e tamén que sinale como “posíbel cómplice de fraude” ao persoal médico. “O PP, cun discurso antiobreiro máis indisimulado do que nunca, trata a clase traballadora como vagos e maleantes e os sanitarios como estafadores”, afeou.
A fronte nacionalista reclamará tamén na súa moción que se reforce a Atención Primaria para garantir unha atención rápida e eficaz que reduza os tempos de recuperación das doenzas laborais, que o PP abandone a estratexia de privatización da xestión da saúde laboral a través das mutuas, e que se incrementen as políticas de prevención de riscos laborais e a vixilancia diante do elevado número de accidentes e mortes no traballo.
Á cola en baixas, en cabeza na sinistralidade
Igrexas acusou o presidente galego de “confundir de maneira interesada”, seguindo o guión das patronais empresariais, sobre a realidade da saúde laboral. Sinalou a ese respecto que Galiza ten o segundo menor índice de baixas laborais de todo o Estado, con 27 por cada 1.000 afiliados fronte á media estatal de 40. “Non hai abuso”, concluíu en relación ás acusacións de Rueda.
Por contra, Galiza lidera as estatísticas de sinistralidade laboral, con 43 mortes no traballo o pasado ano, o que a xuízo do Bloque evidencia a “falla de controis” por parte da propia Xunta como autoridade laboral a pesar do “xeneralizado incumprimento” da normativa de prevención de riscos.
No caso da cidade de Vigo, o portavoz municipal do BNG cualificou de “situación de terror” os datos dende a chegada do PP ao Goberno galego: 59.045 accidentes laborais, dos que 630 foron graves e 79 provocaron a morte da persoa traballadora.
As baixas non son absentismo
Dende o BNG lembran que organismos como a Organización Internacional do Traballo ou a Organización Mundial da Saúde (OMS) non consideran como absentismo laboral unha baixa médica por enfermidade, nin tampouco o goce de vacacións ou exercer o dereito a folga. “As ausencias legalmente xustificadas no son absentismo”, subliñou Igrexas.
No entando, sinalou como a propia OMS alerta dos efectos prexudiciais para a saúde do “presentismo”, situando como un dos principais problemas que as traballadoras e traballadores acudan enfermos ao seu emprego pola presión das empresas.
Máis Atención Primaria, menos control das mutuas
A moción da fronte nacionalista pon tamén o foco no “colapso da sanidade pública polo desmantelamento da Atención Primaria e os recortes hospitalarios”. Unha situación que está a provocar listas de espera “insorportábeis” que atrasan os diagnósticos e os tratamentos, alargando os tempos de recuperación.
E tamén polo que cualifican como “deriva privatizadora” da Xunta que, baixo o pretexto do colapso da rede sanitaria pública, quere derivar competencias e recursos en materia de saúde laboral cara ás mutuas privadas, co obxectivo de que dificulten e endurezan o acceso ás baixas laborais.

