Marga Caldas critica a pasividade da Xunta e do Concello nunha obra vital para os veciños e veciñas, e que sería un verdadeiro revulsivo para San Xoán e para todo Poio
Bará solicitará a sinatura dun convenio Xunta-Concello-AGI para que se faga o proxecto e anuncia unha emenda aos orzamentos de 2025 para esta obra se licite comece canto antes
O grupo municipal do BNG, acompañado polo deputado no Parlamento galego, Luís Bará, estiveron hoxe nos terreos da canteira da Graña, convertidos na actualidade nun vertedoiro, para denunciar o abandono no que se atopa esta parcela de 40.000 m2, adquirida no anterior mandato para a construción de infraestruturas fundamentais como o novo centro de saúde, o novo pavillón, novas instalacións culturais, e mellora dos accesos a Campelo.
A portavoz nacionalista, Marga Caldas, lembrou que, a pesar de os terreos foron postos á disposición da Xunta nunha reunión co conselleiro co compromiso da Xunta e do Concello de realizar os trámites necesarios para a construción do centro de saúde, a día de hoxe non se fixo absolutamente nada. “Esiximos que impulse a construción do novo centro de saúde de Poio. Hai terreos e entendemos que hai viabilidade para facer este centro tan necesario que permitiría, á súa vez mellorar os accesos a Campelo, polo que sería un verdadeiro revulsivo para a parroquia de San Xoán.
Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará anunciou as iniciativas que o BNG vai levar ao Parlamento galego en relación con esta demanda histórica da cidadanía de Poio, “para que se constrúa un centro de saúde máis moderno, máis amplo e máis funcional que o actualmente existente en Anafáns, e que permitiría a prestación de novos servizos sanitarios agora inexistentes, como fisioterapia, psicoloxía clínica, saúde buco-dental, etc”.
Trátase, expuso Bará “de darlle un pulo a este proxecto, paralizado pola Xunta a pesar dos numerosos intentos do anterior goberno municipal presidido polo BNG de darlle para adiante” .
“Agora imos levar unha iniciativa ao Parlamento para que se asine un convenio entre a Xunta, o Concello e a Axencia Galega de Infraestruturas que impulse este gran proxecto de Poio que é o novo centro de saúde, e se melloren os accesos a Campelo, ao tempo que demandaremos que se manteñan os actuais centros de saúde de Combarro e Raxó e se estuden os usos futuros do centro de Anafáns, unha vez que deixe de cumprir a súa función”.
Luís Bará anunciou tamén que se vai presentar unha emenda para que se inclúa nos orzamentos de 2025 “unha partida específica para que se poida facer o proxecto, licitar a obra e que esta comece canto antes”