HomePontevedraPoioO BNG denuncia que a flota da recollida de lixo e limpeza...

O BNG denuncia que a flota da recollida de lixo e limpeza de Poio “ten caducada a súa vida útil” dende hai máis dun ano ante a pasividade de Moldes

- Anuncio -spot_img

Marga Caldas subliña que o PP “non está a tomar nin unha soa medida para esixir que a concesionaria cumpra as súas obrigas” a pesares de que o servizo “empeora de maneira alarmante”

A nacionalista pide informes técnicos para analizar legalmente a situación e aplicar sancións ou incluso resolver o contrato con Valoriza

O BNG vén de denunciar que a flota da recollida de lixo e limpeza de Poio, da empresa Valoriza, “ten caducada a súa vida útil” dende hai máis dun ano ante a pasividade do alcalde Ángel Moldes. A voceira do Bloque Marga Caldas subliña que o PP, a pesares das evidentes carencias do servizo, “non está a tomar nin unha soa medida para esixir que a concesionaria cumpra as súas obrigas en investimentos e melloras”, polo que solicitou ao goberno local que o persoal técnico municipal elabore os informes necesarios analizando a situación para aplicar as sancións que correspondan ou incluso resolver o contrato.

Valoriza, explica Marga Caldas, empezou a realizar a xestión de prerrecollida, recollida, transporte e transferencia de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria e lavado e limpeza de colectores no termo municipal a principios de xuño de 2015. Entre as súas obrigas –segundo a cláusula 15 de prescricións técnicas do contrato- requiriuse a renovación de toda a maquinaria móbil “no período máximo de 8 anos dende o inicio da concesión” para garantir a correcta prestación do servizo. Puntualiza a nacionalista que, ademais, a substitución dos elementos debe facerse por outros “de nova adquisición”, é dicir, a estrear polo Concello de Poio.

A voceira do Bloque destaca que, tendo en conta as mencionadas condicións da adxudicación, toda a flota que a empresa utiliza para recoller o lixo, limpar o municipio e realizar as tarefas asignadas debía ser renovada en xuño de 2023. Porén, a día de hoxe, case un ano e nove meses despois, a maquinaria segue a ser a mesma, acumulando antigüidade, avarías e arranxos, á vez que o servizo “empeora de maneira alarmante” con queixas e denuncias das veciñas e veciños polos problemas diarios e reiterados.

Por segunda vez

Segundo Caldas, hai unha total falta de xestión por parte do goberno de Moldes, xa que o PP dende a súa chegada ao Concello non tomou nin unha soa medida para esixir que se cumpra o contrato. Dende o grupo nacionalista destacan que a pasividade do actual alcalde resulta “sorprendente”, toda vez que cando estaba na oposición insistía no fácil que sería mellorar o servizo do lixo e a limpeza e presionaba para que se fiscalizase o traballo de Valoriza.

Lembra Caldas que durante o último mandato, o BNG na Alcaldía chegou a contratar unha empresa auditora para controlar de maneira exhaustiva que se cumprían todas as cláusulas, e estableceu sancións por importe de máis de 80.000 euros por cuestións menores, de pouco calado. “Agora que o PP ten que gobernar pasa por alto non cousas pequenas, senón un feito tan relevante como a renovación da flota recollida claramente no prego”, afea a voceira.

Para obrigar ao goberno local a solucionar a situación, o Bloque vén de presentar unha solicitude formal ao Concello –a segunda sobre este tema nos últimos meses- na que insta ao equipo de Moldes  a “mover ficha dunha vez”  e pedir informes dos departamentos de Secretaria, Contratación, Intervención e Tesourería municipais sobre o grao de cumprimento real do contrato. Apunta o BNG a necesidade de impoñer sancións por incumprimento doas inversións, das obrigas e das melloras ofertadas e incluso analizar a posibilidade de chegar á resolución do contrato no caso necesario.

“Moldes sempre se escuda nos informes técnicos municipais. Cremos que neste caso eses informes van sen contundentes e non caben alternativas: hai que renovar a flota, mellorar o servizo e tomar todas as medidas necesarias, dende as económicas ata as máis drásticas, pero a veciñanza ten que ter garantido un servizo de calidade”, finaliza Caldas.

Publicacións Relacionadas