O responsábel comarcal anima á veciñanza da comarca a asistir á manifestación e a festexar este día en Compostela
Un ano máis, o BNG celebra este 25 de Xullo a manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela, baixo o lema A Forza deste País! conscientes de que “só movéndonos e apostando por políticas que defendan Galiza e as súas maiorías sociais” poderemos “recuperar os dereitos que nos están arrebatando”, apuntou Domínguez.
Este 25X será ademais un día de reivindicación contra o espolio dos nosos recursos e do noso territorio. “A instalación da megacelulosa Altri que se quere implantar en Palas de Rei, que prexudicará gravemente o río Ulla e a Ría de Arousa, e a reapertura da Mina de Touro, son claramente exemplos de políticas de destrución do noso país coa conivencia da Xunta de Galiza, que defende os intereses das grandes multinacionais fronte aos intereses do galegos e galegas”, criticou o nacionalista.
Domínguez, subliñou, que este día tamén será un día de “reivindicación das causas xustas”, como é “o apoio incondicional do BNG á causa Palestina”, desde o BNG “defenderemos a paz e a liberdade dos pobos” que loitan pola súa autodeterminación e a súa soberanía.
O nacionalista, rematou, animando a participar nos distintos eventos programados en torno á celebración do Día da Patria Galega, como é o tradicional xantar de confraternidade na Carballeira de San Lourenzo, unha vez remate a manifestación e no Festigal, que terá lugar os días 24 e 25 de xullo, no Campus Vida, cunha ampla programación cultural e musical durante estes dous días.

