A fronte nacionalista rexeita un ano máis as entradas de balde que se ofrecen desde a Alcaldía aos concelleiros e concelleiras e reclama coñecer cantos convites reparte o Goberno local
Demanda informar con maior antelación a venda das entradas, descentralizar os puntos de distribución, sortear parte dos billetes para quen non pode facer longas colas e rematar coa discriminación contra as persoas con mobilidade reducida
Xabier P. Igrexas: “Desfrutar dos concertos de verán, que se pagan con diñeiro de todas as viguesas e vigueses, non se pode converter nun privilexio para uns poucos”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixir rematar co “uso privilexiado” da Alcaldía de Vigo coas entradas para os concertos de Castrelos. A fronte nacionalista vén de rexeitar un ano máis as entradas de balde que se ofrecen aos concelleiros e concelleiras da Corporación por consideralas unha “prebenda incompatíbel” co desempeño dos cargos institucionais e co compromiso ético e de servizo público.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu que “non hai ningunha xustificación” para que as e os edís teñan acceso a “entradas VIP” de balde mentres o conxunto da veciñanza ten que facer cola, tanto presencial como virtual, para adquirilas e pagalas en caso de logralas.
Nese sentido, o Bloque reclamou formalmente que o Goberno municipal informe de cantos convites institucionais ou de cortesía se distribúen e baixo que criterios. “Desfrutar dos concertos de verán, que se pagan con diñeiro de todas as viguesas e vigueses, non se pode converter nun privilexio para uns poucos”, subliñou Igrexas.
Mellorar e descentralizar o sistema de venda
Dende o BNG demandaron tamén corrixir as eivas no sistema de vendas das entradas para os concertos de Castrelos. Entre elas, chaman a reforzar a transparencia e informar con maior antelación para que a veciñanza poida saber cando, como e onde se poden adquirir os billetes.
A fronte nacionalista critica tamén a “discriminación” que o Concello aplica contra as persoas con mobilidade reducida, ás que se lles impide adquirir máis de dúas entradas cando o resto pode mercar un máximo de catro.
Por outro banda, o portavoz municipal do Bloque considerou necesario “repensar e descentralizar” o modelo de venda presencial, que agora se limita á billeteira do auditorio de Castrelos, creando puntos adicionais en diferentes zonas da cidade.
Outra das propostas nacionalistas é estudar a posibilidade de sortear unha parte das entradas para facer “máis equitativo” o acceso para aquelas persoas que non poden facer longas colas por razóns laborais, de conciliación ou de saúde.