A fronte nacionalista traslada iniciativas no Parlamento galego ante a opacidade do PP na negociación do novo acordo co hospital privado, tras varias prórrogas sen xustificación
Montse Prado: “Son os donos deste hospital privado, unha multinacional con sede en Luxemburgo e Francia, os que están decidindo e poñendo as condicións ao Sergas”
Xabier P. Igrexas: “Non imos aceptar que a Xunta do PP continúe a impoñer unha atención sanitaria a dúas velocidades con peores prestacións en Povisa que na pública”
O Bloque Nacionalista Galego esixe transparencia á Xunta de Galiza en relación ao novo contrato singular co Hospital Ribera Povisa para atención sanitaria de 116 mil persoas na área de Vigo. A fronte nacionalista traslada iniciativas no Parlamento galego ante a opacidade do PP na negociación do novo acordo co centro privado e tras varias prórrogas sen xustificación do actual concerto.
Así o demandaron este venres a deputada e voceira de Sanidade do BNG, Montse Prado, e o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, despois de manter un encontro con representantes sindicais do Comité de Empresa. “Temos unha máxima preocupación porque descoñecemos que se está negociando e en que vai consistir ese contrato de servizos”, manifestou Prado.
A deputada nacionalista criticou tamén a falla de explicacións do Goberno galego pola demora en anunciar o novo acordo, con sucesivas prórrogas do Sergas dende que venceu o actual en agosto de 2024. “Son os donos do hospital, a multinacional Vivalto Santé con sede en Luxemburgo e Francia, os que están decidindo e poñendo as condicións ao Sergas”, denunciou.
Prado advertiu a ese respecto das sospeitas do Bloque sobre un incremento dos recursos públicos que se destinan a este hospital privado, pasando dos actuais 80 millóns de euros a 97 millóns de canon. “Sempre que se aumentaron os cartos públicos foron a parar á conta de resultados da multinacional e non para mellorar a calidade asistencial nin as condicións laborais dos traballadores e traballadoras”, lamentou.
Na mesma liña, o portavoz municipal en Vigo esixiu poñer fin á “atención sanitaria a dúas velocidades” na área de Vigo. “As 116 mil persoas adscritas a Povisa teñen dereito a recibir a mesma atención sanitaria, coas mesmas prestacións e ratios de persoal, que se ofrece na rede pública”, defendeu Igrexas.
O voceiro nacionalista na cidade afeou que o PP continúe a xestionar con “total opacidade” a relación do Sergas con Povisa, lembrando que a Xunta se ten negado reiteradamente, como ten demandado o Bloque, a auditar e fiscalizar o destino dos recursos públicos que concede cada ano a este centro malia as denuncias dunha atención sanitaria precaria.
Por estes motivos, dende a fronte nacionalista insistiron na necesidade de que toda a poboación da área sanitaria de Vigo sexa atendida na rede pública, quer coa absorción deste hospital privado quer poñendo en marcha novas infraestruturas sanitarias. “Hai que poñer fin a esta anomalía, revertendo a privatización do PP que pon en risco a nosa saúde”, remacharon dende o Bloque.