O BNG inicia unha campaña de recollida de sinaturas para esixir á Xunta melloras no centro de saúde de Arcade

adminON
Lectura mínima de 3

Os nacionalistas piden máis persoal e que se cubra a praza de Pediatría

O BNG de Soutomaior vén de anunciar o comezo dunha campaña de recollida de firmas co obxectivo de esixir á Xunta que poña fin á política de recortes na sanidade pública de Soutomaior que leva anos a aplicar contra a veciñanza do noso concello. Este sábado 5 de abril a partir das 10:00, o BNG de Soutomaior instalará un punto de recollida de sinaturas na Alameda de Talo Río.

Neste sentido, no BNG de Soutomaior sinalan que o noso concello leva anos a sufrir os continuos recortes da Xunta na nosa Atención Primaria, que teoricamente debería garantir os dereitos sanitarios dos máis de 7.500 veciños e veciñas do noso concello, pero que na práctica está a ser destruída sistematicamente polas políticas privatizadoras do PP na Xunta de Galicia, amparadas polo silencio cómplice do PP de Soutomaior e do anterior goberno municipal.

Soamente tres médic@s para atender a toda a poboación de Soutomaior, o que supón unha ratio de 2.500 habitantes por facultativ@. Un exemplo desta evidente política de recortes do PP na sanidade pública de Soutomaior é a situación no servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Arcade. O noso concello leva agora mesmo máis de 500 días sen un ou unha pediatra que atenda ao case milleiro de nenos e nenas censadas en Soutomaior.
O responsable local do BNG de Soutomaior, José Costas, sinalou directamente ao PP e á Xunta como únicos culpables da situación na que vive o centro de saúde de Arcade. “Fronte a un PP en Soutomaior e na Xunta instalado nos recortes e no silencio máis absolutos, no BNG estivemos e estaremos sempre a carón da veciñanza para loitar polos seus dereitos sanitarios”.

Costas subliñou o traballo realizado todos estes anos na rúa, no Concello e no Parlamento, así como que ese traballo se multiplicou coa chegada do BNG á Alcaldía de Soutomaior. Por todo isto, animou á veciñanza de Soutomaior a achegarse este sábado a partir das 10:00 ao centro de saúde de Arcade para asinar a petición do BNG, co obxectivo de “non permitirlle ao PP que siga destruíndo a sanidade pública de toda a veciñanza de Soutomaior”.

Comparte este artigo