@s deputad@s Prado e Tabarés, xunto con cargos orgánicos e institucionais da comarca do Salnés, mantiveron un encontro no Parlamento galego para escoitar as reivindicacións do persoal do GES de Sanxenxo
O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galiza para abordar a situación que atravesa o GES de Sanxenxo, tanto no relativo ás condicións laborais e profesionais do seu persoal como pola recente redución do horario de prestación do servizo.
Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) naceron no ano 2013 como substitución dos antigos GRUMIR, para garantir unha resposta rápida ás emerxencias nas zonas rurais e dispersas que non contaban con outros recursos. Mais, a súa posta en marcha por parte do Partido Popular fíxose sen planificación nin garantías, delegando competencias nos concellos e dando lugar a un modelo marcado polo financiamento insuficiente, persoal sobrecargado e importantes desigualdades territoriais.
O financiamento dos GES é compartido entre a Xunta, as deputacións e os concellos, estando actualmente en vigor o convenio 2025-2027, un modelo que actualmente evidencia que é insuficiente.
O GES de Sanxenxo foi ampliado para atender tamén aos concellos limítrofes de Meaño, Ogrobe e Poio, converténdose nun dos denominados “parques singulares” de Galiza, xunto cos de Celanova e Ponteareas, que dá cobertura a un territorio superior aos 100 km² e a unha poboación que supera as 50.000 persoas, que no caso de Sanxenxo chega a multiplicarse por 5 na época estival.
Esta ampliación de competencias non veu acompañada dos recursos necesarios, xerando problemas operativos, organizativos e laborais, así como un crecente malestar tanto no persoal como na veciñanza.
O Concello de Sanxenxo reduciu de maneira significativa a súa achega económica, o que provocou un cadro de persoal insuficiente, con 17 efectivos, sen que se cubran as situacións de ausencias como as ILT. Ao esgotarse as horas contempladas no convenio laboral, desde o 19 de xaneiro o servizo veu reducido drasticamente o seu horario, pasando a prestarse só desde as 7 da mañá a 23 horas; deixando á veciñanza sen cobertura nocturna.
Isto supón deixar á veciñanza sen cobertura nocturna, algo absolutamente inaceptábel nun servizo esencial que debe garantir atención as 24 horas do día, os 365 días do ano.
Denuncias laborais e falta de resposta
O persoal do GES de Sanxenxo ten presentado denuncias diante da Inspección de Traballo por incumprimentos reiterados da normativa de prevención de riscos laborais, sen que se dese resposta nin se adoptasen as medidas correctoras necesarias para dar solución a este problema.
Ademais, trasladaron ao Concello propostas de organización de quendas que demostraban a viabilidade de manter un mínimo de tres efectivos por quenda cos 17 profesionais actuais, chegando mesmo a ofrecer renuncias a determinados dereitos laborais para garantir o servizo. Todas estas propostas foron rexeitadas.
Esta situación prodúcese, ademais, nun contexto no que os parques do Consorcio Provincial de Bombeiros de Pontevedra veñen sufrindo peches continuos por falta de persoal, incrementando aínda máis o risco para a seguridade da cidadanía.
Por todo isto, o BNG ven de presentar varias iniciativas para o seu debate instando á Xunta de Galiza a asumir de xeito directo e integrado a xestión e financiamento dos GES, incorporándoos plenamente ao sistema autonómico de emerxencias.
Mentres isto non aconteza, garantir que o GES de Sanxenxo preste servizo 24 horas ao día, os 365 días do ano, co persoal suficiente para asegurar a seguridade e a calidade da atención.
Demandarlle ao Concello de Sanxenxo que revogue de inmediato a decisión de reducir o horario e restableza o servizo continuo.
Promover medidas para mellorar as condicións laborais e profesionais do persoal do GES de Sanxenxo.
O Grupo Parlamentar preguntará tamén á Xunta se ten intención de asumir directamente a xestión dos GES e que medidas concretas vai adoptar para garantir a continuidade e calidade dun servizo esencial para a seguridade da veciñanza.
A protección da cidadanía non pode depender de recortes nin de decisións unilaterais. A seguridade é un dereito, e as administracións teñen a obriga de garantila.



