Ernesto Filgueira: “Cerdedo-Cotobade non pode converterse en terra de sacrificio para engordar os petos das grandes eléctricas”
O BNG levará ao próximo pleno municipal unha nova iniciativa para frear a avalancha de proxectos eólicos, avalados pola Xunta e polo Estado que amenazan o noso territorio e contan cun importante rexeitamento social.
O portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira, lembra que “dentro do contexto de depredación eólica que está a vivir a totalidade de Galiza, Cerdedo-Cotobade, ven padecendo un boom de proxectos eólicos desproporcionados para o noso territorio, as súas xentes e a nosa potencialidade natural, todo para favorecer o oligopolio das eléctricas, sen que garanta a protección do medio ambiente e sen que os millonarios beneficios repercutan na xeración de riqueza no noso país”.
Para o BNG hai que apostar polas enerxía renovábeis, pero debe facerse cun cambio de modelo, que poña freo á desfeita do noso territorio, teña en conta a opinión dos concellos e dos colectivos veciñais e promova a participación pública no sector.
Nestes momentos están amenazando o noso concello cinco proxectos eólicos (Chamarrapio, Xubrintas, Alamoceiros, Sistelo e Ventoburgo, que se suman aos paralizados polo TSXG.
“Consideramos que debe haber un pronunciamento unánime, claro e contundente da corporación municipal para impedir que o noso concello se converta en terra de sacrificio para engordar o peto das grandes corporacións eléctricas, ás que tanto á Xunta coma o Estado, lle tenden unha alfombra vermella, mesmo modificando leis e facendo a vista gorda a claras fragmentacións de proxectos para saltarse os estudos de impacto ambiental”, afirmou Filgueira.
“Non pode ser que o noso alcalde se poña á fronte na loita contra os que impulsa o goberno do Estado e cale submisamente ante os que impulsa a Xunta de Galiza que son, cando menos, igual de lesivos para o noso concello”, dixo o portavoz nacionalista.
Nesta loita temos que ir todas e todos da man, o concello e as entidades sociais, por iso o BNG propón a creación dunha “Comisión Municipal de Loita contra os Proxectos Eólicos Depredadores” que amenazan o noso concello, e no que, ademais das forzas políticas con representación na corporación, participen entidades sociais e veciñais, comunidades de montes e plataformas.