O BNG pide medidas de seguranza vial na estrada Portela – Souto de Vea

adminON
Lectura mínima de 2


Levamos anos alertando do incesante paso de tráfico pesado por este vial. Xa é hora de tomar medidas que, cando menos, disuadan do paso de vehículos de grandes dimensións

O BNG da Estrada leva anos alertando do incesante paso de tráfico pesado polo víal EP-8401, Portela – Souto de Vea, dependente da Deputación de Pontevedra. As consecuencias da falta de actuación por parte da administración vímolas onte: unha estrada cortada durante horas, o tendido telefónico desfeito, deixando sen cobertura a toda a zona, e danos materiais nunha casa, ademais do vehículo de grandes dimensións sinistrado.

As queixas polo intenso tráfico que rexistra esta estrada tamén as fixeron públicas os veciños e veciñas da zona, reclamando medidas de calmado de tráfico. De feito, temos constancia que veciños e veciñas do Souto de Vea, paso obrigado para ir a Santiago, teñen rexistrado máis de 1.000 vehículos diarios, ao seu paso por este núcleo.

Estes datos deberían facer reflexionar á Deputación de Pontevedra para que tome medidas. Van moitos anos de queixas, reclamacións… sen que até o momento o ente provincial tomara medidas. Desde o BNG insistimos unha vez máis para que se adopten medidas para calmar o tráfico, que disuadan, cando menos, o intenso tráfico de vehículos pesados pola zona. O accidente de onte martes foi sen consecuencias persoais, mais non sempre vai ser así, nunha zona densamente poboada, con casas pegadas á EP-8401. Non tentemos a sorte!

Comparte este artigo