Luís Bará leva ao parlamento o custo total da obra do novo hospital e a reforma do actual, asi como das previsións de remate de todo o complexo
Bará afirma que o custo da obra civil “podería dispararse até os 200 millóns de euros”
O grupo parlamentar do BNG leva ao parlamento unha batería de iniciativas para que a Xunta informe sobre os incrementos do custo do Novo Montecelo, o retraso no prazo de remate das obras, asi como das previsións de adxudicación da reforma do actual hospital e o prazo previsto para a execución das obras.
Ademais, o grupo nacionalista pide información sobre as previsións de continuidade da actividade asistencial no Hospital Provincial e reformas que sería necesario levar a cabo neste centro.
O texto da proposta de acordo presentada polo BNG é o seguinte: “O parlamento insta á Xunta a presentar no prazo de dous meses un informe sobre o sobrecusto das obras do Hospital Novo Montecelo e a que se debe este incremento, o orzamento e prazo previsto de adxudicación das obras de reforma do actual Hospital Montecelo, a estimación de prazos para o remate das obras en todo o complexo hospitalario (Novo Montecelo, reforma do actual Montecelo e instalacións complementares), así como as previsións de continuidade da actividade asistencial no Hospital Provincial e reformas que sería necesario levar a cabo neste centro”.
Luís Bará: “O custo da obra civil do Novo Montecelo podería dispararse até os 200 millóns de euros”
Na iniciativa rexistrada polo deputado Luís Bará lémbrase que no mes de marzo de 2021 a Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou a obra da “Fase 1 da ampliación e reforma do Hospital de Montecelo”, actuación coñecida como Novo Montecelo, á UTE S.A. DE OBRAS Y SERVICIOS COPASA – PUENTES Y CALZADAS INFRAESTRUCTURAS – OGMIOS PROYECTO por valor de 121.874.578,26 € e un prazo de execución de 42 meses, período que rematou a finais de 2024.
Máis alá do retraso da obra, Bará sinala “o escurantismo da Xunta en relación co sobrecusto da obra civil, que segundo diversos indicios e informacións que foron trascendendo podería dispararse desde os 121 millóns adxudicados até os 200 millóns de euros, un 70% máis”.
Por iso o BNG reclama á Xunta transparencia e que informe de maneira ampla e detallada sobre os incrementos do custo, as causas do mesmo e as previsións a respecto da reforma do actual hospital de Montecelo. “Solicitamos información clara, datos e transparencia”, afirmou Bará.

