Os nacionalistas presentan esta proposta parar “saldar unha débeda histórica”, en favor dunha agrupación que leva operativa desde 1993 e que “é un exemplo de entrega, compromiso e profesionalidade”
O Bloque entende que este recoñecemento faría xustiza ao labor “indispensable, incansable e silencioso” que desenvolve o persoal á hora de facer fronte a incidencias de todo tipo
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Sanxenxo vén de presentar unha proposta para que lle sexa concecida a Cebola de Ouro ao Servizo Municipal de Protección Civil de Sanxenxo. A través deste galardón, que se entrega o 4 de setembro, día grande das Festas de Santa Rosalía, o Concello recoñece cada ano o traballo e a contribución da entidade ou persoa gañadora en favor do municipio no eido cultural, social, educativo ou turístico. O Bloque defende a candidatura de Emerxencias para o galardón facéndose eco dunha petición “lóxica e totalmente xustificada, realizada por moitos veciños e veciñas do concello”.
Os nacionalistas entenden que os e as profesionais que levan a cabo este servizo en Sanxenxo “realizan un labor indispensable, incansable e silencioso” desde hai máis de tres décadas. Desde a súa fundación en 1993 “é un piar fundamental, que vela pola nosa seguridade e benestar. Os seus integrantes son un exemplo de entrega, compromiso, profesionalidade e solidariedade”. Unha das cuestións que tamén se resaltan desde o BNG é “presenza constante” e a capacidade de “resposta inmediata” de equipo de Emerxencias cada vez que se produce algunha incidencia “a calquera hora e durante os 365 días do ano”. Entre os motivos expostos para que esta agrupación acade a Cebola de Ouro tamén está a súa formación de primeiro nivel, grazas a que “o persoal está sempre en constante preparación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), o que fai que os seus integrantes estean moi capacitados para afrontar calquera tipo de situación relacionada con primeiros auxilios, extinción de incendios, rescates ou xestións de diferentes operativos”. Por todo isto, o BNG entende que o feito de facerlle entrega da Cebola de Ouro ao Servizo de Protección Civil suporía saldar unha débeda histórica cun corpo de seguridade que “en moitas ocasións ten demostrada a súa valía, a súa humilidade e a súa vocación de servizo”. O seu traballo resultou especialmente importante en momentos como as vagas de lumes que
se rexistraron na provincia nos anos 2006 e 2017 ou durante a pandemia da COVID-19.
Mobilización na Praza dos Barcos
Por outra banda, o grupo municipal do BNG anima á veciñanza a participar na mobilización convocada para este venres 8 de agosto na Praza dos Barcos, ás 19.30 horas, en favor do persoal municipal.
Trátase dunha convocatoria á que os nacionalistas dan o seu apoio e que se organiza contra os abusos e a precaridade que fomenta Telmo Martín contra os traballadores e traballadoras do Concello.
Precisamente, no caso de Emerxencias, o voceiro Fran Leiro lembra que os seus integrantes “están estes días dando unha nova mostra da súa profesionalidade traballando na extinción de varios incendios tanto no noso concello como noutros municipios da contorna, a pesar das limitacións de persoal e de medios que o alcalde, lonxe de pretender resolver, non fai máis que promover”.