• O Concello activa o “LampreaBus” os días 24, 25 e 26 de abril para conectar parroquias, municipios limítrofes e, como gran novidade, a vila lusa de Melgaço.
• O alcalde, Horacio Gil, destaca a medida como un servizo esencial para garantir unha festa segura, cómoda e de proxección internacional.
O Concello de Arbo reforza a súa aposta pola comodidade e a seguridade dos miles de visitantes que acudirán á Festa dá Lamprea 2026. O Concello, baixo a presidencia de Horacio Gil, anunciou a posta en marcha dun servizo especial e gratuíto de transporte: o “LampreaBus”, que operará durante os días grandes da celebración, o 24, 25 e 26 de abril.
Este servizo, que xa é un referente da festa gastronómica máis antiga de Galicia, ten como obxectivos principais desconxestionar o tráfico rodado, facilitar o acceso aos distintos espazos do evento e promover un desprazamento sostible e seguro para todos os asistentes.
A gran novidade desta edición é a incorporación de Melgaço ao itinerario do “LampreaBus”. Esta medida nace dun compromiso firme adquirido polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, e o seu homólogo luso, nunha reunión mantida recentemente no Concello de Arbo. O obxectivo é seguir impulsando o irmandamento entre ambos os municipios veciños e promocionar conxuntamente as festas que definen a identidade do Miño. En Melgaço, o autobús gratuíto terá paradas estratéxicas na Estación de Autobuses e na Praza fronte á Cámara Municipal (Concello).
O “LampreaBus” non só cruzará a fronteira; tamén garantirá a mobilidade interna percorrendo todas as parroquias do municipio de Arbo e conectando cos concellos limítrofes de MelgaÇo, A Cañiza, Crecente e As Neves.
• Inicio do servizo: Venres 24 de abril.
• Finalización: Madrugada do domingo 26 de abril.
• Frecuencia: Circuito circular con paradas aproximadamente cada hora, garantindo unha cobertura constante durante os tres días.
O rexedor arbense, Horacio Gil, subliñou a importancia deste despregamento: “A Festa da Lamprea non é un simple evento no calendario; é un auténtico rito anual onde Arbo rende homenaxe aos seus maiores tesouros: a lamprea e o viño. Como tal, a nosa obrigación é ofrecer os mellores servizos aos nosos visitantes e incentivar a visita nestes días tan especiais, facilitando que o desprazamento sexa unha preocupación menos para quen vén a desfrutar connosco”.
Con esta iniciativa, Arbo reafírmase como un destino turístico de calidade, capaz de combinar a tradición milenaria da súa gastronomía cunha loxística moderna e eficiente.

