O BNG reclamará no Congreso topes aos prezos de alimentos e combustíbeis para “garantir unha vida digna” á maioría social

Redacción

A fronte nacionalista defende a urxencia de “medidas concretas e valentes” para combater a carestía da vida e o incremento continuado da inflación, de cara ás eleccións do 29N

Anxo Iglesias: “Estes prezos desbocados veñen provocados polas políticas da guerra e da austeridade, que priman o gasto en armamento mentres recortan o investimento social”

Xabier P. Igrexas: “Hai que poñer fin a este novo saqueo social no que a maioría ten que apertar o cinto mentres as grandes empresas do IBEX35 rexistran beneficios récord”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comprométese a reclamar no Congreso topes aos prezos de alimentos e combustíbeis para “garantir unha vida digna” á maioría social. Fronte ao actual contexto de carestía da vida e incremento continuado da inflación, a fronte nacionalista defende a urxencia de “medidas concretas e valentes” de cara ás Eleccións Xerais do 29N.

Así o anunciou o candidato do BNG ao Congreso, Anxo Iglesias, xunto co portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, e representantes da lista nacionalista durante unha visita ao mercado do Calvario, en Vigo. “Hai que poñer en marcha políticas reais e valentes para que a clase traballadora deixe de padecer esta situación marcada polos altos prezos e os baixos salarios”, afirmou.

Iglesias sinalou que os salarios das galegas e galegos continúan están entre os máis baixos do Estado, mentres a inflación se sitúa entre as máis elevadas, cun aumento do 5,3% no último mes. Por este motivo, o programa electoral do BNG recolle a necesidade de incrementar o salario mínimo interprofesional e as pensións até acadar como mínimo o 60% da retribución media.

Dende a fronte nacionalista alertaron de que este incremento desbocado dos prezos “está a afogar” á maioría social, que representan as clases populares e traballadoras, cunha cesta da compra cada vez máis cara, cos combustíbeis convertidos nun “luxo” e cun custo “imposíbel” para acceder a unha vivenda.

O candidato do Bloque sinalou como causa principal desta escalada ás “políticas da guerra e da austeridade” que, denunciou, están primando o gasto en armamento mentres se recorta o investimento en política social. “É indecente que ter un emprego ou cobrar unha pensión non permita garantir unhas condicións de vida dignas”, criticou.

Beneficios récord das grandes empresas

A nivel local, advertiu o portavoz municipal, até 4 de cada 10 fogares de Vigo recoñecen ter dificultades para chegar a fin de mes. Contrapuxo esta situación, que cualificou de “saqueo social”, cos beneficios récord declarados polas grandes empresas do IBEX 35, que aumentaron un 18%. “Máis de 50.000 millóns de euros de beneficios en 2026 para a oligarquía empresarial española, mentres a xente do común segue tendo cada vez máis dificultades para encher a neveira, repostar ou pagar o seu recibo da luz”, censurou.

Fronte a isto, asegurou, o voto ao BNG este vindeiro 29N vai ser “determinante” para empurrar políticas económicas e sociais para garantir o aumento dos salarios e uns prezos xustos. “O obxectivo é que cada día 15 deixe de ser a fronteira na que remata o poder adquisitivo dos nosos salarios”, remachou, chamando a concentrar na papeleta nacionalista todo o voto das persoas que “non se conforman” coas actuais políticas.

Comparte este artigo