O deputado nacionalista Luis Bará volve presentar no parlamento esta demanda cando se van cumprir 15 anos do peche da delegación da CRTVG na cidade
Cando están a punto de cumprirse os 15 anos -o próximo 30 de novembro- do peche da delegación da televisión e da radio públicas en Pontevedra, o BNG volve levar ao parlamento a demanda da reapertura desta delegación. O deputado nacionalista Luís Bará demándalle a Alfonso Rueda que como veciño de Pontevedra, representante desta cidade e presidente da Xunta tome as medidas administrativas e orzamentarias necesarias para que esta reapertura sexa unha realidade no primeiro trimestre de 2026.
Bará lembra que “O feche da delegación da CRTVG en Pontevedra, sen aviso previo e de xeito inmediato, tivo un forte impacto na cidade xa que provocou o despedimento de 25 persoas entre persoal técnico e de redacción.
Ademais, converteu Pontevedra na única capital de provincia galega e xunto con Ferrol as dúas cidades sen delegación da canle autonómica e tivo como consecuencia unha importante merma, en cantidade e calidade, da cobertura informativa da actividade xerada no concello e na súa área de influencia.
Para o BNG a recuperación da delegación dos medios públicos en Pontevedra contribuiría a corrixir unha discriminación e debería servir para dar unha cobertura acaída, con obxectividade e neutralidade, sobre a actividade institucional, política, económica, social, cultural e de lecer que se desenvolve na cidade.
O deputado nacionalista sinala como principal responsábel da discriminación que sofre Pontevedra ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Por iso lle demanda através dunha batería de iniciativas parlamentares que o seu goberno, en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), aprobe e poña en marcha esta delegación a máis tardar no primeiro trimestre de 2026.



