HomeO MorrazoMarínO BNG valora o proxecto de vivendas e agarda que non quede...

O BNG valora o proxecto de vivendas e agarda que non quede en papel mollado

- Anuncio -spot_img

 Lucía Santos, considera positiva a iniciativa anunciada pola Xunta, mais lembra que Marín leva máis de dúas décadas sen promocións públicas e insiste en que é preciso compromiso real para facer efectiva a construción das vivendas

A portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Lucía Santos, valora positivamente o anuncio da Xunta de Galicia sobre o desenvolvemento dun novo ámbito residencial en Raposeiras, que prevé a construción de 400 vivendas, das cales o 80 % serán protexidas, mais lembra que esta iniciativa chega “tras doce anos de total inacción do goberno local do Partido Popular (PP) nun dos eidos máis importantes para o futuro de Marín: a vivenda”.

Durante este tempo non se promoveu ningunha vivenda pública nin se impulsaron plans de rehabilitación, a pesar de que o municipio conta con preto de cen persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Protección Oficial do Instituto Galego de Vivenda e Solo  (IGVS), situándose entre os concellos da provincia de Pontevedra con maior número de solicitudes, e leva máis de dúas décadas sen novas promocións públicas.

O BNG lembra que leva anos advertindo da falta de vivenda en Marín e presentando propostas concretas, como a rehabilitación do edificio de Concepción Arenal 64 para destinalo a vivenda de protección oficial mediante un convenio co IGVS; a elaboración dun Plan Especial de Protección dos Casco Vellos de Marín e Cantodarea, imprescindible para acceder a fondos autonómicos e europeos de rehabilitación; e o desenvolvemento do solo residencial previsto no PXOM, poñendo solo municipal á disposición da administración autonómica.

Santos considera que o proxecto supón “un paso adiante necesario” para dar resposta á crecente demanda de vivenda en Marín, mais advirte que é fundamental que non quede en papel mollado e se materialice con feitos e prazos concretos. A portavoz lembrou que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Marín, aprobado no ano 2012, xa contemplaba áreas residenciais pendentes de desenvolvemento, como o sector SUNC P-30 de San Pedro, que prevé unha parcela de 5.298 m² para 54 vivendas, aínda sen executar, e lamentou que en doce anos non se fixese ningún avance nin se establecesen convenios co IGVS para promover vivenda pública.

Para o grupo nacionalista, o anuncio da Xunta é un paso na boa dirección, mais só será efectivo se vai acompañado de planificación, colaboración institucional e vontade política. O BNG comprométese a seguir traballando por un modelo de vila viva e con futuro, que combine a creación de vivenda protexida coa rehabilitación do centro urbano e a posta en valor do patrimonio existente. “Agardamos que este proxecto non quede só en titulares, senón que se traduza en oportunidades reais para a veciñanza de Marín”, conclúe Santos.

Publicacións Relacionadas