A alcaldesa, Digna Rivas, o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e o de Deportes Iván Valles, reuníronse esta semana coa directiva do Chapela CF, co seu presidente José Hermida, o vicepresidente Joaquín Rodríguez e o tesoureiro José Luis Ballesteros. Na xuntanza abordaron o cambio de céspede no terreo de xogo do campo de fútbol municipal. O Concello de Redondela realizará estes traballos, que superan os 300.000 euros, con subvencións da Deputación de Pontevedra. O goberno local explica que esta reforma é posible grazas ao acordo subscrito o pasado ano entre o Concello e a Comunidade de Montes de Chapela, que cedeu os terreos e agora o campo de fútbol é municipal.
As instalacións deportivas, construídas no ano 2006, presentan un importante deterioro no terreo de xogo “polo que é moi necesario acometer esta obra”, sinala Rivas. A alcaldesa lembra que era o seu compromiso para este mandato era o de realizar o cambio de céspede no campo coa primeira subvención que recibisen para dotacións deportivas “e así se fará”. A rexedora explica que é unha decisión do goberno local acometer esta reforma “prioritaria” con fondos do plan +Provincia e as axudas da Deputación para deportes.
As obras licitaranse neste mes de marzo e está previsto que o Chapela club de fútbol teña o seu novo campo dispoñible de cara á próxima pretemporada. O prazo de execución dos traballos é de dous meses.

