HomePontevedraSoutomaior incorpora fondos para a transformación urbana de Arcade

Soutomaior incorpora fondos para a transformación urbana de Arcade

- Anuncio -spot_img

O pleno ordinario aprobou cos votos a favor do Goberno Local e, en contra, do Partido Popular, a modificación orzamentaria por suplemento de crédito, para levar a cabo a transformación do núcleo urbano de Arcade, para a praza de Talo Río.

O pleno ordinario do concello de Soutomaior aprobou nesta xornada a modificación orzamentaria por Sumplemento de Crédito para a transformación urbana de Arcade.  Unha aprobación que saíu adiante cos votos a favor do Goberno Local e coa negativa do Partido Popular.

Unha actuación, esta obra da Praza de Talo Río, que ascende aos 1,2 millóns de euros que serán financiados a través do Plan Extraordinario da Deputación Provincial, dotado de 700 mil euros, e tamén estará financiada con fondos propios do concello de Soutomaior.

Lourenzo ten claro que esta obra se trata dun plan estratéxico para o concello, un proxecto que obtivo moi boa puntuación por parte da Deputación Provincial. O alcalde lembrou que “esta obra tamén vai a resolver problemas que creo transcenden ao propio ámbito do municipio en relación ao gran problema de separativas de pluviais e fecais que estaban supoñendo importantísimos verquidos á ría e que imos a sanear grazas a esta actuación nesta zona”.

Lourenzo lembrou hoxe no pleno que esta obra é posible grazas “á boa xestión do Goberno Local, que a través das subvencións, traballo e proxectos conta cun orzamento final, cunha liquidez de máis de 8 millóns e medio de euros, grazas ao traballo realizado fomos quen de conseguir preto de 2 millóns de euros en subvencións” ao que o alcalde engadiu que “a parálise de Soutomaior acabouse con este Goberno, temos un proxecto serio cun obxectivo claro, mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños”. Manu Lourenzo ten  claro que “fronte ao ruído da oposición nós temos proxectos, e fronte a desinformación, o Goberno Local conta cunha xestión económica que nos permite facer esta actuación (Talo Río) e outras moitas”.

Con este proxecto de Talo Río,  o centro urbano de Arcade, pasará a ser un espazo máis amable, transitable e pensado para as persoas. Unhas obras que van a contribuír e a dinamizar o núcleo urbano de Arcade en todo o que é a vida e que tamén conseguirán transformar a mobilidade no concello de Soutomaior.

Publicacións Relacionadas