O CEIP de Angorén celebra o aniversario de Bóveda coa infancia como protagonista “A lección continúa”

Redacción

Tres xeracións da familia do ilustre galeguista —a súa filla Amalia Bóveda, o seu neto Valentín García, e o seu bisneto Antón— participaron nos actos centrais xunto a Joana Montero, muller do escritor e ilustrador Carlos Taboada. O colexio inaugurou dúas novas instalacións: a radio Amalia Bóveda e a aula sensorial Carlos Taboada.

O CEIP de Angorén celebrou hoxe o 123º aniversario do nacemento de Alexandre Bóveda, que dá nome ao centro. O colexio viviu unha emotiva xornada de celebración e homenaxes. O acto central arrincou cunha recepción musical á que asistiron tres xeracións directas do intelectual galeguista: Amalia Bóveda (filla), Valentín García (neto) e Antón (bisneto). A representación do Concello correspondeu á tenente de alcaldesa, Rita Pérez Táboas e ao concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez. Tamén participou o director territorial de Educación, César Pérez.

Noemí Moreira, directora do centro, sinalou que este curso inspiráronse na obra de Castelao A derradeira lección do mestre, dedicada a Bóveda, para construír unha identidade baseada na memoria compartida e rendendo tamén homenaxe aos artistas Carlos Taboada e Ángel Barros polo seu compromiso coa cultura e coa infancia.

Rita Pérez felicitou á comunidade educativa e destacou o papel de Bóveda na defensa da nosa cultura, lembrou que a súa figura demostra que “a violencia non leva a ningures” e tivo palabras de recoñecemento para os homenaxeados Carlos Taboada e o pintor Ángel Barros. Pérez Táboas sinalou tamén que xa está en marcha o proxecto do futuro Museo Municipal de Redondela que acollerá o legado artístico de Barros.

‘A lección continúa’. A proposta artística realizada polo alumnado de 6º de primaria levou por lema “A lección continúa”, inspirada no cadro de Castelao. Na emotiva peza poética e simbólica, afirmaron que as leccións seguen cada día nas escolas e na comunidade, que pode transformarse o mundo a través da arte, a palabra e o coidado aos demais. “Porque hai memorias que non se gardan. Entréganse. De man en man. A lección continúa.” Unha réplica do cadro de Castelao, realizada por Ángel Barros para o CEIP Alexandre Bóveda, foi entregada como agasallo ao IES Chapela. Aldán Santamarina, coordinador do Equipo de Dinamización Lingüística do instituto, foi o encargado de recoller a obra. Con este cadro pasan o relevo ao instituto onde o alumnado de Angorén fará os estudos de secundaria.

Novas dotacións escolares e homenaxe a Carlos Taboada. Tras o acto, inauguráronse dous novos espazos: a Radio Amalia Bóveda, unha nova emisora escolar do centro, e o Espazo Carlos Taboada, un aula sensorial en recoñecemento ao ilustrador de Polo correo do vento autor do mural da entrada da escola.

Comparte este artigo