O CEIP Plurilingüe de Leirado en Salvaterra de Miño vén de ser galardoado no X Concurso de Traballos por Proxectos que foi convocado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa no contexto do Plan LIA de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
O proxecto premiado foi “Multicines Leirado: aprendizaxe, cámara, acción!”, na modalidade de proxectos documentais integrados, coordinados dende a biblioteca escolar. Entre os criterios tidos en conta para a valoración do proxecto figura a participación de toda a comunidade educativa no seu desenvolvemento.
Este premio supón, unha vez máis, o recoñecemento de que o deseño deste proxecto e os que se están a desenvolver no centro coloca ao seu alumnado no camiño axeitado para acadar a mellor competencia lectora e para acadar competencias que son clave na sociedade da información, nomeadamente a súa competencia para o uso e produción de información.
Parabéns, polo tanto, para o equipo da biblioteca, equipo docente, persoal non docente, alumnado, familias, ANPA e outras institucións que participaron no desenvolvemento do proxecto no pasado curso escolar (CFR de Vigo, CAFI, Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, Inspección Educativa, Concello de Salvaterra de Miño…). Dende o centro esperamos contar coa colaboración novamente de toda a comunidade educativa para o desenvolvemento de proxectos vindeiros.